
As eleccións en Andalucía e Asturias xa pasaron, os resultados xa están enriba da mesa e agora toca analizalos e, sobre todo no caso das andaluzas, preguntarnos que foi o que pasou. Porque este non era o resultado esperado por ninguén, nin sequera polos máis optimistas no PSOE-A, onde tamén os augurios dunha Estado tinguido totalmente de azul se impuxeran, alimentados por constantes enquisas que apoiaban esta tese.Como analiza Antonio Avedaño en Público, este foi o día en que todos se equivocaron. Todos menos un, o pobo andaluz, que non se deixou enganar polas promesas baleiras de contido da dereita, esas mesmas promesas que, xuntadas ao desgaste e a deriva ideolóxica do socialismo, levaron ao Sr. Rajoy á Presidencia do Goberno de España. De todos modos, tampouco a esquerda pode agora pensar que o problema está resolto, que o socialismo atopou o camiño da recuperación e que xa non ten que haber un debate ideolóxico de fondo que permita construír un novo proxecto tanxible para a sociedade. A opción dun goberno de esquerdas en Andalucía sigue sendo posible, pero un análise dos datos electorais permítenos ver que, nin moito menos, o PSOE debe estar contento con estes resultados.
Mais de 2.300.000 persoas preferiron quedar na casa e non participar no proceso, o que supón un 5% máis que nas anteriores eleccións á Junta que se celebraron por separado das Xerais (1994). Por outra parte, a candidatura que encabezaba Griñán perde máis de 650 mil votos (-9%) que supoñen a pérdida de 9 deputados e a maioría absoluta. Se a alguén hai que agradecer que esta debacle non sexa “total” é a dirección de IU, encabezada na federación andaluza por Diego Valderas, que soubo canalizar o descontento que reina entre o votante de esquerdas do sur, e que se viu recompensado cunha subida de 120 mil votantes, un 4% que permite a formación duplicar a súa representación parlamentaria e, o máis importante de todo, ser unha peza clave á hora de decidir quen é presidente.
Neste caso, o panorama é ben diferente ao de Estremadura, onde os parlamentarios da formación frontista deixaron en bandexa o goberno aos populares, pois o PP xa comezou a aplicar a súas políticas de destrución do Estado de Benestar, polo que tería moi difícil xustificar unha decisión que deixase o Goberno da Junta en mans do equipo que lidera Javier Arenas (tamén coñecido como o eterno candidato). Dende a miña opinión, xogan nunha posición de vantaxe, a que lles proporciona ser a única forza parlamentaria que gaña en votos, e que deberían aproveitar para formar un Goberno de coalición, forzando así ao PSOE-A a un viro á esquerda, viro que o electorado reclama e que, sen dúbida, pode servir como punto de partido ao camiño que o PSOE debe comezar a partir de agora se quere volver a ser o referente da sociedade española.