Venres 30, Outubro 2020
Home Opinión ALGO CHEIRA A PODRE NA CIDADE DOS BIOSBARDOS

ALGO CHEIRA A PODRE NA CIDADE DOS BIOSBARDOS [RELATO]

«Se te morde un alacrán, busca viño e busca pan, sacerdote e sancristán, que mañá te enterrarán». (Refraneiro galego).

 

Un relato de Xosé Antón Jardón 

Para entender a pseudo-política ourensá, cómpre facerlle pouco caso aos chufóns do «xa o dicía eu», madrugar moito e rebulir bastante nas alforxas dos clásicos.

Hai máis de 2600 anos que Esopo nos contou como un alacrán lle suplicara axuda a unha ra para cruzar un regato, coa firme promesa de non facerlle ningún dano porque, se llo facía, ámbolos dous morrerían afogados. Mais, no medio da travesía, o revirado arácnido decidiu espetarlle o se aguzado aguillón nas costas a aquel batracio saltimbanqui. «Como podes facerme isto? Agora imos morrer os dous!», exclamou a ra, talmente sorprendida. «Non teño elección; é a miña natureza», respondeulle o outro, ansioso de vinganza.

Semellante episodio ben puido acontecer no Erídano, un clandestino, avolto e pútrido río que, malia estar totalmente soterrado, non deixaba de enzoufar e atufar a cidade de Atenas. Hoxe en día, tal e como me ten dito o meu tío Lisardo, malia a distancia e os seus agrisados anoiteceres etílicos, estas gatadas só poderían acontecer na Atenas de Galicia; en Ourense, como lle chama a xente do común. É máis, el mantén que onde aguilloou o alacrán á ra, ata extenuala, foi no río Barbaña. Mesmo se atreve a asegurar que a vítima non era un cándido e escorregadizo anfibio senón unha babeca e revirada cascuda. E, visto o visto, quen se atreve a afirmar o contrario?

Tamén me contou como, dende hai cousa dun mes, asoman o fociño na desembocadura do Barbaña catro ou cinco pirañas, empeñadas en convencernos de que o fan para evitar que a ra moribunda –ou cascuda descabezada− infeste as augas do Pai Miño. Mentres tanto, uns cazadores de biosbardos con pinta de iconoclastas, agarrados ás varandas da ponte do Milenio, lanzan trapiños encarnados atados a un pau de salgueiro polo fío dunha tea de araña, pretendendo persuadirnos de que están a piques de pillar a ra –ou a cascuda− que o alacrán xa deixara sen alento naquela enzoufaza travesía.

[O intrépido  tío Lisardo, propenso a padecer teimudos proídos nos miolos, que lle fan confundir o que acontece en Ourense coa fábula do alacrán e da ra –ou da cascuda− non deixa de sorprenderse cando, ao apalpar as illargas que preservan os caletres dos políticos áuricos, descubre como inzan neles centos de andazos. E non por mor do desleixo que os caracteriza, senón polas suorentas noites de estío ou polos nubrados días invernizos que os infestan. Talvez estea aí, nas aloucadas intemperies e non nas espurias perversidades dos nosos representantes, a causa das maluras que abafan e lúen a sufrida e maltratada cidade dos biosbardos].


 

Novidades