Domingo 28, Novembro 2021
HomeOpiniónAFGANISTÁN, HORA CERO

AFGANISTÁN, HORA CERO

por Luís Álvarez Pousa

Coa toma de Kabul polos talibáns péchase un ciclo que se abrira 20 anos atrás coa invasión pola brava de Afganistán, xustificándoa Bush e os seus aliados co mantra de salvar ao mundo dos terroristas de Al Qaeda. Mentira. Os atentados xihadistas do 11-S foron o pretexto. O oleoducto co que a Union Oil de California garantiría o transporte de petróleo a través de Asia Central, que nin Rusia nin Irán estaban dispostos a facilitar, foi o verdadeiro obxetivo. Antes de que caesen as Torres Xemelgas, o dúo Cheney/Bush xa decidira activar a ameaza que un dos seus asesores puxera por escrito aos ata o daquela amigos talibáns que se negaban a cumprir o cometido: ‘ou aceptades a nosa oferta dunha alfombra de ouro, ou acabaredes soterrados baixo unha alfombra de bombas’ (no libro Bin Laden, a verdade prohibida). Con elas botáronos do poder, impoñendo como primeiro ministro do novo goberno a Hamed Karzai, home de confianza da CIA e ex asesor de Unolocal, unha grande empresa petroleira estadounidense. Todo cadraba.

Pero aquela denominada ‘Operación Liberdade Duradeira’ coa que os invasores sermonearon urbi et orbi vén de rematar sumida no máis estrepitoso dos fracasos. Con arredor de 175.000 mortos entre civís e militares de ambos bandos e máis de 2 billóns de dólares gastados en soster a guerra durante dúas décadas, o saldo en democracia é cero: os talibáns volven controlar o país apoiándose nunha Al Qaeda que sobrevive, co que iso comporta para as liberdades e para sectores tan ameazados como o das mulleres e nenas afganas. E o mapeo social pon os pelos de punta: case a metade da poboación vive na pobreza, o analfabetismo acada ao 85% da poboación, a mortalidade infantil é unha das máis altas do mundo, a esperanza de vida unha das máis baixas, e a produción de opio e heroína convertiuse de novo na gran industria nacional. E en medio do caos, producido tras decidir Biden a precipitada retirada do exército estadounidense e a inmediata toma do poder sen apenas resistencia polos fundamentalistas, un novo éxodo que sumar aos 5,5 millóns de refuxiados que provocou a guerra.

Un fracaso absoluto. Non só atribuible aos estrategas da Casa Branca e do Pentágono, como sucedera en Vietnam, aos seus aliados (a UE e a OTAN seguen en dique seco) e patrocinadores. É o fracaso dun modelo occidental de seguridade, que EE.UU. xa non está en condicións de liderar. Cando o intenta para saciar a súa borracheira de negocios e poder, como tamén sucedeu en Irak e Libia, sae trasquilado. O que queda en Afganistán é un inferno. Non sería decente nin humanitario alimentalo con máis violencia. Só cabe aminorar con fortes medidas de presión a magnitude da derrota, incluindo nesa estratexia unha alianza con China, Rusia e outras potencias con intereses no país. Desacelerar, en definitiva, a hora cero.


 

Novidades