Domingo 4, Decembro 2022
HomeOpiniónAAAI!, SE AS PAREDES FALASEN, DON ALBERTO

AAAI!, SE AS PAREDES FALASEN, DON ALBERTO

«Yo te he de ver y te he de ver y te he de ver / aunque te escondas y te apartes de mi vista / y si yo pierdo mi cartera sin querer / de nueva cuenta te mando un retratista» (Antonio Aguilar, Te traigo en mi cartera)

Un relato de Xosé Antón Jardón

Nin sequera pasaron dous meses dende aquela convulsiva conxura, argallada para defenestrar a un líder, cuxo nome foi borrado ipso facto dos rexistros de Génovatrece, mais foron tempo dabondo para que os despistados descubriran o auténtico perfil de Núñez Feijóo, definido por un nítido retrato en branco e negro que algúns se empeñan en facérnolo ver en tecnicolor, onde o rosa é a cor dominante. O ilustre senador galego (de orixe), autor do proxecto persoal denominado «quiero vivir en Madrid», matou dous paxaros dun tiro nun santiamén, ao empurrar polo precipicio do esquecemento ao seu antecesor e arramplarlle o posto na cámara alta a un compadre coa folla se servizos sen estrear, para cumprir a súa paixón de aspirante a vivir na Moncloa. Hai uns días, decidiu emendarlle a plana ao home sen nome, declarando solemnemente que Xénova non é dos xenoveses: «Génova es de los afiliados, los edificios no tienen culpa de nada». Aaai!, se as paredes falasen, don Alberto.

O Ningún Nome, ou NN (Nomen nescio, en latín), que en ilo tempore lle chamaban Pablo Casado, decidira, cos votos a favor dos que agora apoian o contrario, desfacerse da sede do PP, porque tiña(n) medo de que, se alguén se lle dese por furgar no ventre das paredesacabaría atopando sacas cheas de moedas falsas ou fillas de pais descoñecidos. Mais iso ao señor dos Peares non lle incumbe, porque pasou demasiado tempo dende que os extraterrestres esconderan a pasta nos buratos dos ladrillos daquel inmaculado edificio madrileño. O exlíder do PP, de cuxo nome ninguén se quere acordar, vomitaba calderilla –mais vomitaba– ao non aguantar as arcadas internas; e mesmo saíu na televisión e na radio dicindo que non tiña estómago para engulir os ovos avoltos que fritía en aceite de palma o irmán de Díaz Ayuso. Mais iso ao padal de Feijóo non lle afecta porque cada mañá, ao erguerse da cama, engule unha boa dose de protector estomacal.

E así segue circulando, sen pagar peaxes, como unha moto sen freos e costa abaixo, pola autovía expedita destes tempos frouxos e de secura perpetua nos que a cotra xa non luxa aos que viven acotío con ela. O gran político de centro, que nunca lle permitiría ao seu antecesor pactar con Vox, xa convive con naturalidade cun fulano que lle di a unha deputada con discapacidade, «Le voy a contestar como si fuera una persona como las demás», para acreditar cada día que as actitudes reviradas xa forman parte do manual da insignificancia. Mais iso ao noso Alberto dálle o mesmo, e o mesmo lle dá, porque os socios de Mañueco, os de Moreno Bonilla e os del, por suposto, deixan de ser de extrema dereita a medida que algún vai adquirindo o rango de vicepresidente.

[O meu tío Lisardo e un tal Rueda non saen do seu asombro, ao comprobar como o pai do monarca puxo a Galicia no mapa, unha tarde de maio ao pasar por Sangenjo’, cousa que Feijóo non foi quen de conseguilo nos seus 13 anos de presidente galego].


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]