Sábado 10, Xuño 2023
HomeDestacadasA XUNTA DE GALICIA: O GOBERNO DUN PAÍS?

A XUNTA DE GALICIA: O GOBERNO DUN PAÍS?

por Manoel Barbeitos

      Se a nivel fiscal os orzamentos públicos mostran os gastos programados e os ingresos esperados durante un exercicio pola administración de torno, a nivel político, en función tanto da orixe e contía dos ingresos como do destino dos gastos, os orzamentos son tamén unha mostra do perfil político do goberno (conservador, liberal, progresista). Máis aínda, os orzamentos públicos tamén nos poden servir para ver a personalidade política e administrativa dos gobernantes,  como estes avalían o territorio que administran. Se teñen a idea de gobernar un país ou outra idea moi distinta, como por caso a de administrar unhas provincias. No caso que nos ocupa, a Xunta de Galicia, a cousa está moi clara. Os seus Orzamentos mostran que ten un perfil político claramente conservador e que actúa como se o territorio que administra non fora un país.

Déficits que acumulan débedas

Como sinalaba anteriormente, os orzamentos mostran os gastos programados e os ingresos esperados durante o exercicio. Así, por caso, ao traveso dos Orzamentos Públicos podemos avaliar como a Xunta de Galicia financia os gastos.

Collendo o longo período en que Alberto Núñez Feijóo vén presidindo a Xunta de Galicia (2009-2019) observamos como o goberno galego durante este tempo, debido ao énfase que puxo no axuste fiscal, tivo que endebedarse para financiarse, provocando que a débeda pública se disparase. Unha débeda que pasou dos 4.859 millóns de euros cando Feijóo tomou posesión da presidencia do goberno galego (2009) a 11.342 millóns na actualidade (2019) a pesares de ter pagado durante este período 14.500 millóns de euros (tres veces o valor inicial) en servizos da débeda. Unha dinámica que levou a que Galicia entrara no labirinto da débeda pública como se pode ver no derradeiro orzamento (2020), cando dos 1.692 millóns de euros de ingresos por débeda, 1.652 (98,3%) se destinan a pagos pola débeda (xuros e amortizacións) quedando so 29,5 millóns (1,7%) para investimento produtivo ou gasto social.

Como unha proba máis deste crecente endebedamento está o dato de que se no ano 2009 os ingresos por débeda representaban o 7,8% dos ingresos públicos, na actualidade a porcentaxe é do 14,5%, tendo chegado ao 19% (2017). Esta Xunta segue o patrón neoliberal de rebaixa de impostos que conduce inevitablemente a que se disparen os déficits e, xa que logo, se incremente a débeda.

A hora de explicar este patrón de endebedamento non abonda con responsabilizar ás ideas económicas da actual Xunta de Galicia (PP) que, como é ben sabido, se nutren do neoliberalismo. Hai tamén que apuntar ao actual sistema español de financiamento autonómico que provoca nas CCAA de réxime común unha clara insuficiencia de recursos, que frea a súa responsabilidade fiscal ao verse limitadas para conseguir ingresos tributarios adicionais e que ten unha excesiva dependencia dos ciclos económicos. Un sistema que favorece un crecente endebedamento. Un sistema, por outra parte, nunca cuestionado nin pola actual Xunta de Galicia nin polas anteriores.

 Unha austeridade reflectida na evolución dos ingresos e os gastos públicos

Se entramos a debullar as partidas orzamentarias por capítulos, dentro dos ingresos vemos como o capítulo que se dispara é o correspondente aos pasivos financeiros (ingresos por débeda) que se incrementa (en termos reais) nun 128,5%. Velaí a evidencia empírica do recurso preferente por parte da Xunta de Galicia a endebedarse como vía de ingresos. Tamén se incrementan, pero en menor contía, os ingresos por tributos (115,5%) grazas a unha maior participación dos impostos directos reflectida nun incremento da tarifa autonómica do IRPF (132,5%), produto das reformas habidas no sistema de financiamento autonómico. Reformas que tamén trouxeron unha menor participación das transferencias correntes (55%). Globalmente, os ingresos diminúen nun -22,5% en termos reais entre 2009/2018.

Se pasamos a debullar os gastos, o capítulo que experimenta en termos reais un maior incremento, é o correspondente aos pagos da débeda (xuros+amortizacións), un 375%. O resto dos capítulos de gasto diminúen, sendo especialmente rechamante o recorte do gasto nas operacións de capital (62%) e, dentro destas, o recorte no investimento público (46%) e nas transferencias de capital (39%). Evidencias empíricas que confirman a tese de cómo as políticas austericidas tanto disparan o papel da débeda pública como, por caso, castigan o investimento público. Globalmente, os gastos diminúen nun -21% en termos reais entre 2009/2018.

Tal evolución dos ingresos e os gastos públicos explica  como o endebedamento vén derivado dunha evolución dos mesmos que leva a desequilibrios orzamentarios reflectidos en permanentes déficits anuais –agás o ano 2018-. Un dato que desminte, como non podía ser doutro xeito, a tese neoliberal do axuste fiscal: os recortes no gasto público non evitan nin os déficits nin, xa que logo, as débedas públicas por mor das fortes caídas nos ingresos non financeiros.

 Uns gastos que non se corresponden coas necesidades do país

A política fiscal da Xunta de Galicia subliña como esta non ten como obxectivo central favorecer o crecemento económico e a creación de emprego. Unha avaliación que veremos confirmada ao analizar polo miúdo as partidas de gasto, pero antes parémonos nunha análise macroeconómica da realidade do país.

A evolución das principais variables macroeconómicas galegas durante o período considerado (2009/2019) móstranos como feito máis relevante a forte caída da demanda agregada que, en termos reais, aínda está máis de 10 puntos por baixo dos seus valores do 2008. Entrando a debullar a evolución das distintas compoñentes da demanda vemos que é o investimento privado o que ten un comportamento máis negativo (46%), poñendo de novo en evidencia a falsidade do dogma neoliberal de que o investimento público paraliza o investimento privado. A realidade e moi outra: as políticas de austeridade castigaron o investimento privado en Galicia como en España, porque é o investimento público o que turra do privado e non ao revés. A debilidade da demanda reflíctese tamén no comercio co exterior cunha moi forte caída das importacións (65%).

En termos contables o gasto privado galego perdeu, en valores reais, máis de trinta puntos nesta recesión. Un dato que confirma, de novo en contra das teses neoliberais, que o axuste fiscal e a rebaixa salarial provocaron unha forte contracción do gasto privado que fixo caer a demanda provocando unha grande recesión: o crecemento medio anual do PIB (en termos reais) foi do -1%.

Como era previsible, esta negativa evolución da oferta e a demanda globais, xunto as contrareformas laborais, tivo o seu impacto negativo sobre o emprego: en Galiza non se crea emprego e se precariza. O nivel de emprego (2019) segue claramente por baixo do nivel existente antes da crise (2008): 110.000 empregos menos e máis do 90% do escaso emprego que se crea é precario.

Os orzamentos públicos da Xunta de Galicia tamén provocaron, e seguen a provocar, unha auténtica desfeita nas funcións públicas de benestar. Unha desfeita que se basea tanto nunha importante redución do gasto público (15% en termos reais) nunhas funcións xa de por si moi deficitarias, coma nunha crecente privatización dos patrimonios e os servizos públicos.

Nesta política obsesionada polos axustes fiscais compre tamén destacar tanto o caso das políticas medio ambientais, cando nunha situación de auténtica emerxencia climática a Xunta de Galicia (PP) reduce o gasto público a unha terceira parte (39%), como  o práctico conxelamento do gasto en I+D+i (102%) en plena revolución das novas tecnoloxías de información e comunicación. Capítulo aparte merecen tanto as políticas de emprego nas que o gasto público se reduce á metade (55%) a pesares da enorme debilidade na creación de emprego que agocha o mercado laboral, coma as políticas de vivenda cunha brutal caída do gasto (30%).

Todo un síntoma de como esta Xunta de Galicia (PP) avalía as necesidades do país galego. Un país que non entende nin quere entender, pois resulta evidente que os orzamentos da Xunta de Galicia non se corresponderon coas súas necesidades. Tería sido necesaria, xa que logo, unha política fiscal radicalmente diferente.