Sábado 3, Xuño 2023
HomeOpiniónA VULNERABILIDADE

A VULNERABILIDADE

por María Alonso

Rexina Vega falaba no seu artigo do mes de maio do fracaso desta (non)revolución de sofá que nos tocou en sorte ao falar da dicotomía entre o pensamento de Žižek e Chul Han sobre a situación provocada pola Covid19. Isto é xa un feito. Os aplausos deron paso ás caceroladas e os debuxos infantís nas ventás a bandeiras patrióticas nas rúas. Non; a crise sanitaria non nos fará mellores como sociedade. Asumamos, novamente, a frustración pola oportunidade perdida e paguemos con resignación o prezo que isto leva implícito.

Pagarémolo as de sempre: as parias, as que vivimos en precario, as desprotexidas … e pode que isto teña o seu aspecto positivo ou, como diría Judith Butler, que nos faga máis fortes. A vulnerabilidade, para a intelectual feminista norteamericana, supón unha oportunidade. Esta afirmación deconstrúe por completo as relacións entre as persoas e as institucións así como as coñecemos e implica unha necesaria reconfiguración das mesmas. Así, a vulnerabilidade daría pé á resistencia e á rebeldía, xa que estes dous termos estarían integrados no primeiro. Pode que a vulnerabilidade nos faga máis fortes, ou pode que non, pero o que xa é seguro é que o futuro alternativo utópico co que soñabamos tornou en máis do mesmo. Pensabamos que a crise sanitaria traería a revolución definitiva pero, polo de agora, teremos que seguir facendo malabarismos dende o sofá agardando a que chegue o noso momento. Son tempos estes que nos fan vulnerables ao descoñecido mais tamén ao xa coñecido por ter navegado nestas augas máis dunha vez no pasado con incerteza.

A apatía

HHH (aka Harina de Huesos Humanos, en referencia a aquel infame proxecto nazi) foi un grupo punk da década dos oitenta que publicou un tema que se converteu nun himno para moita da mocidade da época: “Mediocre”. Nel, unha voz acelerada apenas comprensible falaba de observar o mundo sen permanecer impasible pero sen ser protagonista. A Transición, así como as crises económicas de 1993 e do 2008 ata chegar á actual crise sanitaria, marcan o espírito de quen naceu coa democracia. Resulta esgotador mirar o mundo pasar mentres buscas o teu lugar nel. É tan significativa esta idea de loita continua por ser mellor, que mesmo ten un campo semántico propio: resiliencia, afouteza, empoderamento … O pasado demostra que calquera idealización do futuro está condenada ao fracaso. De aí o éxito actual polas distopías na literatura, por exemplo. A vulnerabilidade, entendida no sentido adoptado por Butler, non é máis que un optimismo descontextualizado do primeiro mundo burgués. A realidade é moito máis apática, ou que llo pregunten ás que xa están a pagar (outra vez) as consecuencias da crise. Quizais chegou o momento de darlle unha volta ao noso pragmatismo. Como reza o final do tema de HHH: loita ti por ser a mellor.