Luns 25, Setembro 2023
HomeOpiniónA traxedia grega

A traxedia grega

Herexía a do ministro de finanzas alemán, Wolfgang Schäuble, cando lles bota en cara aos gregos que elixiran “un goberno irresponsable”. Todo porque, en aberto desafío contra o dogma da austeridade e o catecismo neoliberal que a punto estaban de estrangular o país, a cidadanía decidiu democraticamente subverter as relacións de poder, xubilando os acólitos desa insufrible relixión e dándolles aos de Syriza e Txipras a lexitimidade que demandaban para romper con esa humillante submisión. Non deixa de ser paradoxal: quen acusa de herexe (económico) a Alexis Tsipras exerce sen ningún tipo de escrúpulos a peor das herexías en democracia. Porque se para a señora Merkel e o seu ministro todo o que non sexa supeditar as políticas públicas á ortodoxia económica imposta pola troica e polos mercados é unha herexía, como teremos que chamarlle ao acto de inusitada violencia moral e política que eles mesmos protagonizan ao desprezar e vingar o resultado das urnas?

Polo demais, esa visceral arremetida contra o acto que lle dá a unha democracia a súa razón de ser, e contra quen o vén de solemnizar en Grecia nas eleccións das que Syriza saíu lexitimado para poñer en corentena as políticas coas que a troica levou a cabo, coa inestimable colaboración dos gobernos e gobernantes marionetas, a súa ben planificada ocupación do país, facilita o desenmascaramento de quen, coma no conto da Carapuchiña, reviste as súas ferocidades con pel de cordeiro. Por caso, queda ao descuberto o que xa sabiamos pero non se atrevían a confesar: que velan pola Europa dos mercadores e non pola Europa dos cidadáns. Son para eles, para tódolos efectos, simples consumidores.

Pero non só desembarcan no máis humillante dos desprezos. Confabúlanse na vinganza. E poñen a tope as caldeiras que moven a inmensa e poderosa maquinaria propagandística, coa intención de ir xerando na opinión pública europea unha idea malsá sobre a Grecia de Tsipras, ao que a prensa máis ortodoxa e cómplice coas impostas políticas de austeridade, absolutamente contraproducentes, chaman de extremoso e indocumentado esquerdista. Un irresponsable, en palabras do ministro de finanzas alemán, que se coida moito de non revelar que só o 11% dos 250.000 millóns do rescate foron parar á economía, beneficiándose do resto bancos e acredores. Con mentiras e medias verdades ben poden conseguir que os outros europeos crean o conto de que o goberno grego non quere pagar o que debe, e que con esa negativa todos perderemos algo dos nosos petos.

Rajoy e Margallo, un fino argumentador de insidias, reclámanlles 26.000 millóns de euros. O segundo deles atreveuse a significar que con eles poderíase cubrir o 38% das pensións en España. Pura demagoxia. O que desembolsou España non pasa dos 6.600 millóns, e todo o demais son avais que nunca lle acabarán reclamando. Porque o que negocian dentro do eurogrupo non é unha quita, senón unha reestruturación da débeda, que acada xa o 185% do PIB grego. Alongar os prazos da devolución e con intereses máis baixos. Piden tempo como o que no seu día lle fora concedido ao goberno alemán para pagar as débedas derivadas ben da segunda guerra mundial –que ela mesma provocou–, ben dos custos da reintegración das dúas Alemañas. Pero está visto que nada diso pesa na memoria do goberno alemán, que rexeita tódalas fórmulas que non teñan como núcleo central a extensión do rescate coas condicións a el asociadas: os recortes e as reformas que siga decidindo a troica. As mesmas que puxeron a Grecia ao bordo do precipicio, e á cidadanía grega sometida a unha sangrante humillación como vén de recoñecer o presidente da Comisión Europea e expresidente do eurogrupo, Juncker, que o goberno de Tsipras se comprometeu a non aceptar as condicións por máis tempo.

Máis alá das negociacións e da alta política na que se están levando a cabo, o que é preciso ter en conta, en contra do que as campañas propagandísticas tentan conseguir, é o que de verdade causou a situación extrema na que se desenvolve a vida dos gregos, e que en boa lóxica incentivou a decisión de darlle un cambiazo ao sistema de poderes naquel país. Descubriremos o que a enorme débeda grega ten de lexítima ou de ilexítima. Por caso, a derivada dos déficits que en épocas anteriores evidenciou a súa balanza de pagamentos. Abonda con dicir que no inmediato pasado Grecia pasou a ser o estado europeo non maior nivel de gasto público en armamento militar, contraendo débedas multimillonarias cos bancos alemáns e franceses, que son os que agora se benefician do rescate e dos recortes e reformas que a cambio lle impuxo a troica. A débeda grega tamén ten a súa orixe no déficit derivado da elevadísima fraude fiscal, do que a troica nunca falou e que o goberno de Tsipras quere combater.

A estas alturas, está demostrado que as políticas de axuste fiscal, as rebaixas salariais e a desregulación laboral contribuíron decisivamente a que Grecia estea ao bordo do abismo. E que de seguir impoñéndolle á crise esas receitas, que é o que pretenden o goberno alemán e gobernos cómplices como o de Rajoy, só cabería esperar máis pobreza, máis desigualdade, máis destrución económica e máis desvertebración social. Como está igualmente demostrado que esas políticas son as que lle seguen interesando ao capital financeiro europeo –bancos, mutuas, fondos de pensións e investimento– e ao capital comercial, que se senten apoiados nesa pretensión pola troica e polo goberno alemán.

Sábeno ben os cidadáns gregos, agora mesmo orgullosos de ter un goberno que, malia ter que finalmente facer cesións, algo seguramente inevitable para que non se lle corte de raíz a vía de financiamento, ten fronte á troica unha posición de firmeza á hora de marcar liñas vermellas –as que están directamente ligadas ao programa de rescate social ao que se comprometeu– que están seguros que Tsipras e Syriza nunca van traspasar. Sábeo o líder dese goberno e desa coalición: a súa sorte vai ligada ao cumprimento dunha gran promesa: son os cidadáns e non os bancos e os mercados os que han ser rescatados. Xusto a opción na que Europa se xoga o seu futuro como proxecto común. Velaí a razón pola que, se falamos de gobernos irresponsables e de herexes, ningún máis apropiado para ese lamentable dobre título que aquel ao que pertence Schäuble, o ministro alemán de finanzas.