Venres 26, Febreiro 2021
Home Opinión A SEÑORA DA MÁSCARA NO PAPO (E A EDUCACIÓN NO SOBACO)

A SEÑORA DA MÁSCARA NO PAPO (E A EDUCACIÓN NO SOBACO) [RELATO]

Hai algo inxenuo no noso silencio, un desconcerto, o temor a que unha enfermidade vergoñosa sexa descuberta.(Antón Riveiro Coello, O paraíso dos inocentes).

Un relato de Xosé Antón Jardón

Velaí vai, alixeirando o paso, a ver se pilla unha das tres mesas utilizábeis na cafetería que hai preto da súa casa. As outras tres que completan a terraza do café-bar James Bond seguen precintadas ata nova orde, cunha cinta de plástico vermella, acusadas de formar parte da escena do crime cuxa autoría, malia un ano de investigación a cargo da policía científica, aínda está por descubrir.

Antes, na parte exterior do portal, ela saca o espello e a barra de carmín, dálle un estirón á máscara ata poñela debaixo do papo e retoca coidadosamente a pintura dos labios. El disimula, submiso e sen tusir, estampando a ollada contra a fachada do abismo. Ela mete os tarecos no bolso e, como se vivise nun mundo irreal −sen Covid− anda pola beirarrúa coa máscara no pescozo, sen sabermos se o fai para agochar unha traqueotomía ou simplemente para non emboutarse.

Ela anda un case nada. A escape avista unha mesa baleira na terraza e, facendo espaventos, insinúalle a el que avante para cazala decontado. Sen agardar que chegue o camareiro para recoller a louza e desinfectar o mobiliario, ela toma asento; mentres el limpa co pano de asoar os mocos os migallos desperdiciados na cadeira onde, finalmente, asenta as pousadeiras.

Por fin chega o empregado do bar e recolle as dúas cuncas usadas, mentres ela lle arrampla o trapo da man e arrastra as sobras cara o solo, esquecendo adrede que non son bos tempos para desleixos. Ela pide un vermú cunhas pingas de xenebra e, «a este le traes un café, bien cargado, a ver si despierta!». Saca un cigarro do paquete e, cando o camareiro lle pretende dar lume, ela respóndelle cun aceno de rexeitamento, sen molestarse en lle dar as grazas por aquel xesto de cortesía. Fuma de présa, deixa a cabicha totalmente tinguida de encarnado no cinseiro e, agora si, coloca a máscara no seu sitio. Mais a súa observancia das regras de xogo dura ben pouco. Cada vez que pasa alguén, no canto de deixala na cara, ela baixa a máscara, exhibindo unha impertinente modestia, propia de Obama na toma de posesión de Joe Biden.

Eu e o colega que vai canda min non lle quitamos o ollo de encima e, por pudor ou polo que sexa, non somos quen de traer á conversa a causa da nosa parvidade, a dicotomía entre un incuestionábel atractivo físico e a atrevida heterodoxia a respecto das medidas legais contra a pandemia.

A presenza dun fulano sen máscara fronte á terraza abafa a nosa insólita abstracción. Ela érguese, baixa a máscara e camiña cara a el, para darlle un par de bicos. Convídao á súa mesa e ponse a facer alarde da súa condición de inmunizada, explicándolle como un amigo de confianza, con algo de mando no economato estatal das boticas, lle fixo chegar dúas doses da Pfizer.

Ao non podermos evitar oír a conversa, eu e o que vai canda min saímos da nosa extravagante lascivia, ou o que fose, rompemos aquel insólito silencio e exclamamos ao unísono: Hai que ghoderse! Deseguido liquidamos a conta e, sen decatarnos, regresamos á perpetua rutina, imbuídos nese pérfido val do silencio onde, pase o que pase, nunca se move unha folla. Nunca.

[O meu tío Lisardo sente un certo desprezo polos insolentes que, amais de non respectar as regras da convivencia, van pola vida realizando falcatrúas que só conseguen acurtar os incuestionábeis dereitos dos demais, atribuíndose a si mesmos prebendas que nin merecen nin lle corresponden].


 

Novidades