Sábado 10, Xuño 2023
HomeOpiniónA ruptura inevitable

A ruptura inevitable

Luis Álvarez Pousa

Rompe o Bloque. A pesada carga que sobre el depositaron durante os últimos dez anos a perda contínua de apoio electoral, por unha banda, e o repregamento adanista que esa experiencia negativa provocou no partido/patrón (UPG) da fronte, pola outra, tensaron e extremaron as diferenzas internas, tendo que apuntalar por perigo de derrubo a casa común na que, desde principios dos anos 80, conviviron siglas e personalidades dos máis diversos perfís nacionalistas. A esperanza que moitos depositaran no resultado da recente Asamblea que celebraron en Amio volvéuselles en contra, para sorpresa de propios e estraños. Evidenciou unha equiparación de forzas -upegaios por un lado e a converxencia de Máis Galicia e Irmandiños polo outro-, e enfrontáronse dous proxectos políticos de moi difícil integración.
Non entraba nos cálculos da forza hexemónica, a UPG, unha vitoria tan pírrica, que os debilita. Nesas circunstancias, tensar a corda en exceso, enrocándose no poder que lle outorgaron unhas cantas ducias de votos, podería provocar unha estampida. Pero corren aínda máis perigos se non o fan: recuar accedendo a rexenerar e refundar o BNG, como esixían os críticos, comportaría a medio prazo deixar de ser o partido/conductor e o partido/patrón do nacionalismo. Algo asi como facerse o harakiri. Non só ían ter que compartir a hexemonía que detentaron até agora, tamén terían que asumir as súas consecuencias prácticas, entre elas a de non poder seguir mantendo a lealdade partidaria de moitos dos seus militantes que viven desde hai anos do que lles dá a súa condición de liberados.
Nese estado de cousas, ninguén ofreceu outro relato da pasada Asamblea que non fora o da condición guerracivilista de vencedores e vencidos. Nese tour de force, xa sen a máis mínima esperanza de chegar a un consenso de integración activa, só quedaba por saber cando se ía producir a ruptura e cal sería a súa densidade. Xa a oficializou Encontro Irmandiño, e días antes Esquerda Nacionalista e a dirección do PNG. Queda por ver se tamén os secunda Máis Galicia, corrente interna na que hai división de opinións, despois de optaren por esa vía as súas mocidades. Malia que os renuentes non vexan claro a que porto os vai conducir o día despois, é fóra do BNG onde poden ratificar e materializar o proxecto político alternativo que acadou na asamblea de Amio o respaldo de case o cincuenta por cento dos delegados. Un proxecto de seguro anclaxe social, sempre e cando teña por estratexia a de identificarse co país plural que se manifesta na Galicia de hoxe.
Non é exactamente unha volta ao pasado, aínda considerando que, ademais de coexistir en paralelo diversas forzas nacionalistas, tamén se reeditaron na última asamblea os partes meteorolóxico/ideolóxicos da vella UPG: literatura anticapitalista, antieuropeísmo e antiautonomismo. Estamos noutro tempo político e vivimos/sufrimos problemáticas de difícil encaixe no puzzle político, económico, social e cultural de hai trinta anos. Polo demais, o campo de recepción social e política tamén é moi diferente. Por caso, a cada vez máis abundante clase media ten demostrado, segundo os estudos sociolóxicos, sintonía cun nacionalismo participativo, creativo, dinámico e transformador. O que, a xulgar pola argumentación dos escindidos, non casa ben co modelo que representan os comunistas da UPG.

Este comentario saíu publicado nos 4 diarios do grupo La Capital.