Luns 6, Febreiro 2023
HomeOpiniónA postanimalidade ou a redefinición do suxeito

A postanimalidade ou a redefinición do suxeito

por Rexina Vega 

Malia ser dominante no pensamento occidental hexemónico, a visión antropocéntrica do mundo non é a única que existe. Outras cosmovisións e epistemoloxías, adoito agrupadas baixo o termo “indíxenas”, non se fundamentan nunha separación estanca entre o humano e o animal. A experiencia indíxena, marcada pola relación intensa entre suxeito e lugar implica pontes de ida e volta entre as especies e, mesmo, máis alá entre todas as formas da materia viva.

Os intelectuais varóns, afeitos a ser protagonistas indiscutidos do pasado recente, empezan a saír do seu mutismo para cargar contra os usos transformadores da linguaxe que atentan ao seu poder simbólico.  

Poñer en cuestión a fronteira entre humano e animal implica necesariamente unha reflexión sobre os fundamentos xerárquicos das oposicións nas que se basean as desigualdades estructurais das nosas sociedades, desde o par natureza-cultura ata os baseados no xénero e na raza. Xa que logo, traballar para transformar radicalmente a noción de suxeito, reservada tradicionalmente para o home, supón socavar as fronteiras da perspectiva antropocéntrica eliminando a oposición non só entre o humano e o animal senón, de xeito máis xeral, entre o o mundo animal e vexetal, ou entre o animado e o inanimado. 

Tal e como indica Donna Haraway no seu Manifesto das especies de compañía, a reivindicación do parentesco entre especies xa non trata tan só das relacións de xogo e afecto, senón que alude á interrelación e dependencia recíproca de todos os seres, mesmo os que a nosa cultura considera non vivos, como os minerais, no ecosistema xeral do planeta. Trátase dunha refundación da ética baseada no recoñecemento da propia vulnerabilidade e da empatía que pode xerarse no tránsito dos afectos. 

Desde este punto de vista, a ética do coidado pasa a ser vista non como unha tendencia natural das mulleres, senón como unha acción política. Confluíndo cos estudos de xénero, os estudos poscoloniais, a ecocrítica ou a teoría queer, o estudos animais veñen cuestionar os límites do suxeito clásico e afondar na capacidade de aprehensión non violenta da diferenza. 

Tal e como nos di Marta Segarra (Humanimales 2022): Escapar al pensamiento binario que lo concibe todo en términos de ser o no ser (humano o animal, pero también natural o artificial, hombre o mujer) no significa pensar que todo es lo mismo, o sea, pensar desde la identidad, sino que todo es distinto, es decir, pensar desde la diferencia. Simplemente la diferencia no es una nunca, es siempre plural, múltiple y variada. 

A reacción contra a linguaxe inclusiva* 

Levabamos varias décadas asistindo a unha crecente sensibilización sobre a importancia que tiña para as identidades subalternas contestar os usos lingüísticos que, xustificados pola inercia da tradición, reforzaban e reproducían relacións de poder baseadas na total preponderancia do varón branco heterosexual. A contestación ao masculino xenérico, como modo de ocultación ou de aberta exclusión do resto de identidades, comezou a cobrar protagonismo. Así, a implementación de recursos para evitar o sexismo lingüístico foi medrando nunha gran maioría de usuariado da lingua, tanto en contextos formais como informais. Xa non só o desdobramento, senón tamén o uso de nomes colectivos, pasivas reflexas, pronomes relativos ou claros neoloxismos, comezaron a ser asumidos por unha importante parte da poboación como boas prácticas que axudaban ao avance social. A proba da existencia, de facto, dun crecente consenso, foi, por exemplo, a reacción hiperbólica, furibunda, dos membros da Real Academia Española con aquel famoso Informe redactado por Ignacio Bosque, alá polo 2012, no que embestía contra as guías de linguaxe non sexista.  

Bosque e os académicos e académicas que o secundaban pareceron daquela clamar no deserto, posto que o tratamento inclusivo foi permeabilizando a sociedade, en especial a escola e a vida política. Aquí, en Galicia, vimos como o mundo da cultura pactaba claramente con usos que xa puxeran en práctica había moito feministas pioneiras como María Xosé Queizán, e que logo intelectuais como Teresa Moure desenvolveron sistematicamente ofrecendo unha sólida cobertura teórica desde o ámbito lingüístico. Todo seguía unha liña ascendente que agora comeza a crebar.  

A chegada da guerra cultural da extrema dereita supón poñer a lingua no foco, convertela, de feito, nun albo prioritario. O cambio da lei de violencia de xénero polo da máis neutra Violencia intrafamiliar na comunidade de Castela e León, a eliminación dos termos “ecofeminismo” ou “ecodependencia” nos programas de estudo da ESO na comunidade de Madrid, porque segundo Ayuso non “aparecen no dicionario”, son indicios deste cambio de rumbo que comeza a fraguar. Os intelectuais varóns, afeitos a ser protagonistas indiscutidos do pasado recente, empezan a saír do seu mutismo para cargar contra os usos transformadores da linguaxe que atentan ao seu poder simbólico.  

Son significativas a este respecto obras como Morderse la lengua (Espasa 2021) do ex reitor da USC e expresidende da RAE, Darío Villanueva ou ¡Qué bello sera vivir sin cultura!: la cultura como antídoto frente a los peligros de la idiotización (Destino, 2021) do exministro César Antonio de Molina.  Estes dous referentes do poder cultural atrévense agora a confrontar a linguaxe inclusiva, cualificándoa abertamente como un novo totalitarismo, “o totalitarismo da ignorancia”, en palabras de De Molina.  Ambos os dous autores desenvolven un argumentario no que se perfila o fenómeno da corrección política como unha manifestación da “posverdade”. A linguaxe inclusiva viría ser así un instrumento de manipulación ideolóxica que, ao transformar os nosos hábitos culturais, inflúe, minguando, a nosa capacidade para o espírito crítico. 

Fronte a esta posición, na que xunto coa extrema dereita vai confluíndo un amplo espectro liberal, e que conleva, na miña opinión, unha enorme dose de mixtificación intereseira, sería bo volver lembrar o feito indiscutible de que, como indica Bordieu,  as relacións de poder na orde simbólica tenden a reforzar e reproducir as relacións de poder na orde social. Xa que logo, sendo o xénero gramatical un produto histórico, pode ser susceptible de transformación, como non se cansan de repetir lingüistas como Calero, Bengoechea, Violi ou Bur, entre moitas outras. 

Sorprende a virulencia das actuais acusacións de totalitarismo contra a linguaxe inclusiva, que caen, por certo, en todos os tópicos que pretenden combater por canto aplanan, simplifican e borran contexto en función dun discurso que busca, ante todo, a ridiculización, a violencia, sobre quen disente. Pero non quedabamos en que as democracias deben traballar na tarefa do respecto e da comprensión da fraxilidade común? 

Neste novo caldo de cultivo, que vai inundándose de coartadas elaboradas por intelectuais de “recoñecido prestixio”, empeza a ser pois habitual a manifestación de voces discordantes, na rúa e mais na escola, que negan a maior dos esforzos inclusivos. A inclusividade como unha nova forma de fascismo? Si, ese sen sentido…


*Na revista Grial n. 234 pode atoparse a continuación desta reflexión sobre a linguaxe e a violencia. 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]