Mércores 30, Novembro 2022
HomeOpiniónA persoa xestante

A persoa xestante

texto Anna Figueiredo foto Diego Seixo

Ser nai e parir non teñen por que ser sinónimos. Ser nai precisa dunha consciencia específica, parir precisa dun proceso biolóxico. Malia que en ocasións ocupen o mesmo lugar, non ocupan as mesmas condicións e deberían partir da mesma premisa: a decisión. A decisión a ser nai e a non selo, a decisión a parir e a non.

Hai pouco máis de dous meses, o Tribunal Supremo de EEUU derogou o dereito ao aborto libre. Seis persoas, cinco homes e unha muller, decidiron que non importa que a mestura dun óvulo e un espermatozoide sexa por mor dunha violación ou dun caso de incesto (que os hai), ou que non importa que se tomen medidas e que unha muller poida quedar embarazada por un erro dentro dos métodos anticonceptivos empregados (que os hai, ollen as estatísticas de fiabilidade, e son tanto erros humanos coma materiais). O caso é que se unha muller queda preñada é cousa dela, pero non pode tomar decisións sobre o seu corpo e o seu futuro. Non pode porque a obriga a parir sobreponse ao dereito a decidir. Cando unha muller preña xa non é unha persoa, é unha criatura xestante e a que xesta non decide. Non fala, tira para adiante cun embarazo que pode pór en perigo a súa vida, a súa saúde mental, e pode obrigala a levar a término un feto con graves anomalías físicas. Non é unha elección, é unha obriga. A moral dos estados sobreponse á liberdade das persoas, das persoas que xa non son persoas, que son xestantes.

A muller e o seu corpo pasan a ser infantilizados e negados. Estás segura de que queres abortar? Insisten coma se acudir a unha clínica fose un plan xenial que se nos ocurrise axendar nun mes de retraso menstrual. Coma se estivesemos afeitas a acudir a unha intervención quirúrxica por curiosidade, por vicio, por facer algo distinto calquera día deses nos que non hai nada interesante que ver en NETFLIX e, convenientemente, nos atopamos en “estado de graza”. Pois graza ningunha.

A muller e o seu corpo pasan a ser life supporting system e desde ese momento os dereitos fundamentais son sobreseídos porque, segundo esas seis persoas, seica ter un garavanzo aniñando no endometrio afecta a capacidade de raciocinio. Así é que a xestante está posuída por unha sorte de influencia maligna, un egoísmo sen límites que a impulsa a querer desfacer a reprodución celular imparable que se lle desencadea no útero mentres agarda insomne, en pánico, a todo o o porvir lle vai lanzar á cara.

E saben que? O único xeito de calmar o medo nesas circunstancias é asumir riscos. Coma no pasado. Riscos que poden acabar coa capacidade reprodutora dunha muller (e non me veñan con eses argumentos rancios de que “teno merecido, senón para que quixo abortar antes?”), coa vida dunha muller, coa mobilidade dunha serea.

Simone de Beauvoir foi moi citada estes días con iso de que bastará unha pequena crise para que desaparezan os dereitos das mulleres. Por iso precisamos falar alto e claro e que se nos entenda. Non quedamos preñadas por xeración espontánea nen imos buscando sen intención, coma tolas, que nos preñen. Pero ás veces, por violencia machista ou por erro, pasa.

Nós parimos, nós decidimos.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]