Os atentados das Ramblas e Cambrils crisparon sentimentos e revolveron conciencias. Velaí a resposta espontánea da cidadanía rompendo co seu “Non tinc por” todos os prexuizos que derivan do medo, tan contaxioso. De quedarmos en estado de shock fronte á barbarie, delegando na represión de gobernos e policías ese noso poder de acción, sería suicida. Porque iso nunca resulta gratis. Co protagonismo da sociedade civil nesas primeiras horas da conmoción esa alternativa quedou desactivada.
Porén, foi na xestión dos días posteriores cando esa incontestable mensaxe cívica perdeu consistencia ao verse contaminada polas posverdades daqueles que co discurso monocorde da “unidade ante o terrorismo”, esixible sempre que exprese correntes e sensibilidades plurais que non necesariamente se teñen que identificar co relato que abandeira un goberno, non dubitaron en querer sustituir con todo tipo de ardides ese protagonismo. Axiña desplegou o Estado toda a súa artillería mediática sobre Catalunya, inventando unha perversa correlación causa soberanista/efecto terrorista co propósito de desacreditar política, social e moralmente o procés e os seus propulsores.
Os bulos e as polémicas interesadas -a dos bolardos, a da campaña contra os Mossos, entre outras- tiñan como obxetivo forzar a declaración de alerta 5 para militarizar as rúas e sobrepoñer a imaxe do Estado á das institucións catalás, Gobern e Mossos incluidos. Fracasaron. Pero volveron á carga nas vísperas da manifestación do 26 de agosto. Tocan a rebato pola “unidade”, ao tempo que fletan tres avións nos que viaxa un numeroso grupo de autoridades e altos cargos institucionais e do PP. Facendo un bloque compacto canda o rei Felipe VI e Rajoy na manifestación, de todo o demais xa se encargaría TVE -que cumpriu con creces-. Pódese estar en desacordo coa oportunidade de correlacionar os da CUP as armas vendidas a Arabia Saudita cos atentados xihadistas en Europa, malia tratarse dunha compoñente necesaria no debate. Pero non culpalos de “politizar” en exclusiva a impresionante manifestación pola paz e contra o terror.
Os medios que responsabilizaron aos independentistas de romper a “unidade” con pancartas, berros e bandeiras son os mesmos que no 11-M de 2004 adornaron as mentiras do goberno de Aznar e saudaron patrioticamente o mar de bandeiras españolas na última manifestación contra ETA en Madrid. Mellor farían eses medios acentuando o seu espíritu crítico, e non facendo seguidismo do goberno, cando informan e analizan atentados tan crueis. Por fidelidade á memoria das vítimas. E para que, en palabras de Albert Camus en plena guerra de Arxelia, os atentados non acaben en “vodas de sangue entre terrorismo e represión”, porque é cando se busca a seguridade a calquera prezo. Por caso, o da morte dos seis terroristas “abatidos” en Cambrils e Subirats. A tanto chegou o noso medo, que xa asumimos esas mortes ligadas inevitablemente á acción policial? Por caso, o do recorte das nosas liberdades.
Xusto o obxetivo que buscan os terroristas: ternos aterrorizados, obrigados a cambiar o noso estilo de vida e coa democracia a media asta.