Domingo 5, Xullo 2020
Home Opinión A LINGUA DE CAÍN

A LINGUA DE CAÍN

por Carlos Méixome

As mentalidades primitivas procuran a simplicidade, a coherencia, que a realidade cadre coa lóxica, co racional, co que é  “natural” e doado de comprender. Por exemplo, no relato bíblico, escolleuse a bondade de Abel, por vítima, e alcumouse a maldade como cainita, por asasino. Mais a disputa resulta ben máis complexa, pouco dada á simple disxuntiva entre perversidade e benevolencia.

Caín, o primoxénito, era labrego e enrabiouse porque deus gababa máis os agasallos que lle facía o seu irmán saltimbanqui que pasaba o día a tocar na frauta detrás das ovellas, mentres el se eslombaba partindo terróns para apañar unha mísera colleita. O deus inxusto desprezaba o esforzo e recoñecía o folgazán, ata consentir a súa glorificación no relato bíblico. Caín colleulle tal zuna a Abel que acabou non só por matalo, senón por ignorar o seu crime.

Ata aí unha lectura simple. Mais o relato  continúa. Caín foi castigado polo capricho de deus a vagar por terras ermas ata que atopou acougo e fundou a primeira cidade que chamou, ao igual que o seu fillo, Enoc. As reviravoltas da vida e dos anos converteron os labregos en urbanos e os silos preñados de cereais provocaron a envexa dos pastorís frautistas e deles, como é ben coñecido, xurdiron os invasores que, co roubo e a destrución, estragaban as colleitas labradas durante décadas.

Dunha lectura máis complexa podemos inducir que do castigo divino e do crime humano xurdiu o progreso da cooperación e a esperanza, sempre incumprida, da igualdade.

A resultas da súa grande obra, a cidade, os cainitas víronse con forza para desafiar o  deus antolladizo e “asaltar os ceos”, erguendo unha torre ata onde el acougaba do seu atarefado labor resolutorio. Iracundo, estragoulles o xoguete e ademais condenounos a falar linguas diferentes para impedirlles a colaboración, aquel grande invento dos sosegados labregos axuntados en aldeas para facerlles fronte aos excitados e violentos pastores, sempre enzoufados en sangue animal.

 

Como é sabido, outra vez o relato se simplificou. De novo deus equivocouse e o que el desexaba fose castigo converteuse en bendición. A diversidade cultural acelerou a cooperación e achegou máis igualdade, pois o que uns matinaron chegou aos demais e, mellorado, ou non, adoptouse ás novas circunstancias.

O relato simple prende nestes tempos de pandemia. É así como o meu tío-avó, Nilo, sempre me anda a preguntar, quen o botou? Refírese ao  bicho ese. Alguén o tivo que botar. Ou ti cres que foi deus? Meu tío-avó é un volteriano rabioso, e, aínda sen sabelo, nin sequera coñecer moito do gavacho, coida que iso de deus é un conto asiático. Fronte ás súas preguntas, as miñas tentativas racionais de ignorante atrevido sempre fracasan. Alguén o botou fosen os chinos ou os americanos, o  caso é saber para que, remata concluínte.

Daquela, como non lle dou a razón, aproveita para meterme o dedo no ollo. Moi ben racional, dime, e vós que tropeleades… que tropeleades… que non vos dades posto de acordo nin en como escribir a lingua que falamos, que parecedes fillos de Caín!


 

Novidades