Iolanda Veloso.
O pasado 9 de outubro celebrouse en Francia a primeira volta das primarias para elixir o candidato á presidencia da República polo Partido Socialista. A gran novidade deste proceso é que non só estaba dirixido á militancia senón que se abriu á toda a cidadanía francesa, calquera persoa podía votar logo de asinar unha carta de adhesión aos valores da esquerda e de pagar 1 € como taxa de participación, pois o gasto de desenvolver estas votacións é moi elevado e, neste caso, non o paga o estado. Ao día seguinte, o luns 10, puiden oír nun programa de radio dicir que “a participación é cara”. Pareceume moi certo e unha boa reflexión sobre os cartos que custa manter a posibilidade de participación nun sistema democrático pero hai valores que, como di un coñecido anuncio, non teñen prezo.
A estas alturas non creo que ninguén preguntase canto nos vai custar poder ir votar o 20-N e furtarnos o dereito a opinar sobre a reforma constitucional non foi unha cuestión de cartos, a Zapatero e a Rajoy non se lles ocorreu dicir que o referendum saería moi caro (espero non estar dando ideas). Ese mesmo día un xornal dixital con data de caducidade publicaba unha noticia que dicía: “La crisis retrasa la ampliación del permiso de paternidad. La “falta de disponibilidad presupuestaria” es el argumento que emplea el Gobierno estatal para que el arranque del permiso de cuatro semanas de permiso para los padres no se produzca hasta 2012” Esta medida, incluída na Lei de igualdade, estaba previsto que entrase en vigor en 2011 pero non houbo consignación orzamentaria para facelo posible. Segundo o goberno non se renuncia a ela, só se adía. É dicir, pode agardar, igual que o resto da lei, en realidade. A igualdade entre homes e mulleres pode agardar e terá que facelo ata que cheguen tempos mellores, ata que superemos a crise porque é un luxo que agora mesmo non nos podemos permitir. É un luxo que os homes se corresponsabilicen da crianza aínda que, ben pensado, tampouco o facían en tempos de bonanza.
En todo caso, parece obvio que, mesmo sendo evidente que a igualdade entre mulleres e homes é a única posibilidade de desenvolvemento sostible para este mundo no que vivimos e que resulta infinitamente máis eficiente, cada medida tendente cara a esta igualdade que poida custar cartos está destinada a agardar a tempos mellores porque a realidade é que nos parece cara, a igualdade si ten prezo. O día 11 de outubro en Vigo unha muller de 39 anos morreu asasinada a mans da súa parella. O terrorismo machista, que mata máis que outros máis famosos e nos que gastamos un lote de cartos para acabar con eles, é consecuencia das desigualdades contra as que non queremos loitar porque nos parece caro. Para esta nova vítima, a igualdade tamén tivo prezo, a propia vida.