Mércores 30, Novembro 2022
HomeOpiniónA IDEOLOXÍA ESPAÑOLA

A IDEOLOXÍA ESPAÑOLA

“La construcción del Estado en España. Una historia del siglo XIX” (Madrid, Alianza ed., 2019) de Juan Pro constitúe un vademecum do que poderiamos denominar, seguindo a estela do libro de Marx, A ideoloxía española. Pro escribíu un libro sobre o Estado cheo de auténtica paixón amorosa, prendado do seu obxecto. Bébedo de Estado.

Para Juan Pro o Estado é a Razón despregándose e  a Revolución (liberal) encarnándose. O punto de partida é o Reinado de Fernando VII marcado pola bancarrota, o peso da Igrexa, a perda das colonias e a descentralización política. O particularismo e o caciquismo vistos, avant la lettre, como modos de designar o nacionalismo posterior ao 98. A construción do Estado liberal será a contrafigura dese punto de partida.

Para el, o Estado aparece en España coa Revolución liberal. Antes non hai propiamente Estado, senón só Monarquía. Pro acentúa o papel da Constitución de Baiona. É evidente que quere situarse no papel do afrancesado, se ben comparte a noción dos patriotas. Como o expresa Diego Cameno, un comentarista do libro, segundo Pro “os afrancesados puxeron os cimentos da construcción do Estado mentres que os patriotas fixeron o propio coa nación española”.

Ese Estado é a encarnación weberiana da racionalidade instrumental e abstracta. Progreso e Ilustración con pouca sombra. O que Pro constrúe é unha xenealoxía do Estado Como o sistema de partidos, a división provincial, os xuristas, a facenda, a burocracia, o exército, a unidade de mercado, o concordato coa igrexa e o papel de Madrid como capital, deron lugar á preminencia do Estado. O resultado desa preminencia foi a construcción dunha sociedade moderna, homologable á europea. A década moderada e a Restauración, co trasfondo das guerras carlistas e da perda do Imperio, serían os dous momentos clave do proceso.

Pro estiliza a construción do Estado ata o indicible, e obvia, coma se fóra espúrea, a materialidade do século, os conflitos e as guerras, as esperanzas e as posibilidades non realizadas de ruptura. As execucións de Rafael del Riego ou Torrijos non xogan apenas papel algún. Tampouco o roubo ás arcas do Estado de María Cristina, ou a bancarrota de 1866, preludio da “Gloriosa”. O lado escuro non comparece. Tampouco a I República e os republicanos federais: os demócratas. Para Pro a construción do Estado é providencial e luminosa e, aínda que use o argot do anti-esencialismo de feito, non se aparta da vella teoloxía da historia. A propia “Nación” sería unha construcción do Estado, e a década moderada e a Restauración os momentos claves.

Pro representa, con modernos aditamentos, unha variante da versión conservadora da Historia de España. Ao fin e ao cabo, o noso horizonte de interpretación opera dende dentro dunha Transición que renovou o esquema do moderantismo do dezanove, e que bebe das formas de modernización controlada polas elites da  Restauración.

O libro de Pro vén como anel ao dedo para nutrir a visión e as expectativas de futuro das elites do Estado de hoxe. É un grao de area máis que axuda a edificar o proceso de reversión do Estado das Autonomías que está en curso dende mediados da primeira década do XXI.

Se o Estado é tan bo, como non rematar a centralización do Estado ? O administrativista Ramón Parada confirma no limiar esta idea. No seu criterio, a propia planta actual do Estado debe ser reformada no sentido da supresión das Comunidades Autónomas, que resultan ser novas formas de particularismo e caciquismo, cando non de burda manipulación da Historia. Fronte á súa mesquindade constitutiva, produto dunha debilidade de España despois da morte de Franco, o que cómpre é rematar a tarefa.

O Estado é virtuoso per se, aínda contra toda a experiencia histórica –digamos as manipulacións electorais da Restauración, o poder lexislativo da Monarquía, a Guerra de Cuba ou a Ditadura de Franco- e expresa á dereita do espectro a virtude da continuidade da nación e a reivindicación do Imperio (lembremos o éxito do libro de Elvira Barea ), mentres que na esquerda xacobina se vise coa roupa dos dereitos do cidadán.

Vontade crecente: eliminar as CC.AA

E nesas andamos. Non sabemos o que virá. Pero a vontade crecente é eliminar as Comunidades Autónomas . Ben porque se poña sobre a mesa a súa supresión, ben porque, como se vén facendo nos últimos anos, se lles retiren competencias e capacidade de decisión, mentres de modo paralelo o Estado central absorbe poder. Cogobernanza hoxe, pouca. O que é bo para Madrid é demoníaco en Barcelona, Bilbao ou Santiago.

Do punto de vista do xuízo histórico-político, sorprende  o  desinterese das elites por renovar o pacto constitucional dun modo integrador con Cataluña. Pero tamén a abulia para aprobar Leis ou reformas que eviten o descrédito das institucións do Estado – a xustiza, a Monarquía- derivadas dos efectos da crise de 2007. O gatopardismo non parece interesar, o que indica unha confianza desas elites en si mesmas digna de análise.

De feito, están no certo ao non inmutarse ou están cegas?

É unha pregunta que merece unha resposta. Porque por que ruta vai camiñar España?  Un novo avatar da Restauración ? Unha ruptura republicana de novo tipo? Xirará cara un estado autoritario á húngara? Pode latinoamericanizarse ? Hai moitas opcións, e case todas malas.

Para responder a esa pregunta axuda ler La revolución pasiva de Franco, de José Luís Villacañas (Harper Collins, 2022 ).  É de supoñer que na construción do Estado 40 anos de Ditadura significarían algo –a inocencia do Estado que Pro presupón no XIX sería difícil de tragar- pero, en todo caso, Villacañas mostra ata que punto a Transición estivo planificada polos aperturistas do réxime, en particular López Rodó e os tecnócratas do Opus Dei. Unha impresión: a confianza en si mesmas das elites seguramente deriva dos seus éxitos pasados fronte ás mobilizacións políticas populares.

E unha constatación: a día de hoxe unha miríada de ideólogos de mediana idade –xeralmente politólogos e sociólogos- apostados nos media madrileños ofician de novos tecnócratas –son os nosos opusdeístas- substituíndo, dito sexa de paso, aos Savater, Azúa e tutti quanti nesa función de crear opinión. Hai un cambio xeracional que marca unha fase nova.

Son, no entanto, como reencarnacións de López Rodó que razonan como intentando precaverse dunha crise política que ninguén enuncia abertamente. É coma se pensaran “a probabilidade dunha crise do así chamado Réxime do 78 é mínima, pero por se acaso hai que ofrecer lecturas de continuidade”.

Para este autor, foi unha pequena epifanía ler hai tempo un artigo de Victor Lapuente no que desacreditaba á xeración do 14 (Azaña, Ortega) como promotores de rupturas revolucionarias. Os demócratas liberais eran sinalados como subversivos e xustificando o turnismo da Restauración. Só alguén que supoña que a nosa circunstancia histórica garda algún tipo de parentesco con hai cen anos pode argumentar así. Ai, as analoxías!


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]