Venres, Xullo 19, 2019

Home Destacadas A HISTORIA SEN PRÉSA

A HISTORIA SEN PRÉSA

texto Xurxo Borrazás

Unha xuíza de Madrid vén de sentenciar que a propiedade das esculturas do Mestre Mateo obxecto de litixio entre o Concello de Compostela e os descendentes da familia Franco corresponde a estes últimos, tras non poder acreditar o concello que os seus documentos de propiedade sexan abondo para rebater o fundamental dereito de usucapión (xeito de adquisición de unha propiedade amparado no seu uso continuado) que alegan os representantes legais dos Franco.

Segundo informan Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez en Praza Pública, a xuíza das esculturas é neta de militares golpistas do ’36, “a guerra do avó e das fosas de non sei quen”, como lle chama Pablo Casado. Á voda dos pais da xuíza asistiron Muñoz Grandes ou Carrero Blanco. Detalles. Que sorte ten esta xente –coas estatuas, o pazo de Meirás, o Val dos Caídos, etc– de que lles toque sempre un xuíz ou xuíza de perfil tan… receptivo. Non insinuamos que a xuíza poida ter prexuízos, faltaría máis, cada persoa é dona dos seus actos e non ten que responder dos da súa familia. Ademais, vir a estas alturas con feitos que ocorreron hai máis de medio século, por favor! Claro que os seus actos propios inclúen publicar asiduamente en revistas conectadas cos Franco. Casualidades que mencionamos para dar ambiente. A boa literatura, coma o demo, está nos detalles.

Falando de tempo, botade contas e veredes que xa pasou máis tempo desde a morte de Franco ata hoxe que desde o golpe de estado de 1936 ata a aprobación da constitución en 1978. Quen o diría, verdade? As cifras non respectan nada. Parece que foi onte porque segue sen falarse doutra cousa, os prazos históricos son máis longos que os do debate político de pernas curtas e eleccionciñas irrelevantes: as consecuencias dos episodios traumáticos alónganse décadas ou séculos.

Tempo de tango

O tardofranquismo non precisaba facer ruído porque era o sistema. Agora é sinalado e revírase. A simple admisión a trámite das causas dos Franco por parte dunha xustiza supostamente democrática, contra a exhumación das fosas comúns ou o traslado do cabeza do golpe militar, supón unha lexitimación tácita da ditadura e constata a súa persistencia na medula do espazo público, que se substancia no cuestionamento do espolio das oligarquías no réxime totalitario, a relación obscena entre igrexa-estado, o exército da Una, grande y libre capitaneado polo rei-cadeiro do ditador, medios de comunicación e un sistema xudicial de excepción ocupados en botar terra sobre os crimes ou o retorno da Falanxe á primeira liña. Como diría o tango, corenta anos non son nada.

A última vez, creo que tamén a primeira, que oíra falar dese dereito, foi con ocasión doutro preito choqueiro, entre unha muller de Vigo e a plataforma eBay. A muller rexistrara nunha notaría do Porriño a propiedade do Sol e pretendía vendelo por parcelas en eBay, ao que a plataforma se opuxo. Preitearon e, unha xuíza de Madrid, mira ti por onde, admitiu a demanda. Os argumentos da viguesa foron semellantes aos dos Franco coas esculturas: ela viña gozando do Sol desde que tiña uso de razón e ninguén antes reclamara a propiedade, polo que, acolléndose ao dereito de usurpación, o Sol era seu. Ata aí todo normal, non?

Os tempos da Historia son demorados e non doados de reverter. Os feitos teñen consecuencias, e mudar o rumbo é custoso coma un cambio de sentido dun tren lanzado nunha vía única. Isto pode ser positivo, velaí os avances acadados polo movemento feminista ou LGTBI, e pode non selo. Hai uns anos Thomas Piketty  estudaba o proceso de acumulación de riqueza e o aumento da desigualdade desbocada na segunda metade do século XX, e prognosticaba cientificamente unha tendencia de incremento da que non temos escapatoria a curto prazo. Como vai soportar esta lóxica a próxima crise? Hai igualmente décadas que os científicos veñen avisando dos efectos catastróficos do cambio climático e aínda hai quen se fai o sorprendido.

Dentro de trinta anos seguiremos arrastrando a precarización xeral en que o tecno-capitalismo está a enzoufarnos. As persoas que agora son novas vivirán marcadas polas cicatrices de un comezo de século XXI, que fai que as distopías parezan contos de fadas. Os salarios de escravo e a xubilación de miseria, a imposibilidade de acceder a unha vida autónoma digna, o control electrónico da intimidade, a polución rampante, a existencia tutelada e subsidiada, de favor, que nos permite xogar á democracia pero sen confundir o xogo coa realidade, e pagando pola nosa propia explotación. Son comboios dun tren en proceso de descarrilamento lento pero inexorábel.

Durante décadas arrastraremos o patrón intrusivo da economía colaborativa e a penetración dos fondos financeiros en cada nicho de negocio. Toda a economía produtiva local está ameazada polo novo modelo. Todos os sectores, desde os ultratecnolóxicos á agricultura, a industria ou o comercio, pasando polos estratéxicos dos servizos esenciais, deben pasar o filtro intermediario destes xigantes invisíbeis que operan desde búnkers opacos e axeográficos co modelo de dumping en prezos e dereitos a base de transferir os riscos a emprendedores ou produtores, eliminar a competencia, esixir o pago de pontádegos e o sometemento aos seus termos e condicións para amorear billóns en paraísos fiscais. Dentro deste marco vívese ao límite da subsistencia, fóra del nin iso. Os actantes da economía real deben elixir entre a tortura ou a morte.

Destes colapsos sociais sáese historicamente por medio da revolta violenta. O peor é que a estas alturas un sabe que iso sería malo, o que non ten tan claro é que sexa evitábel. A alternativa é deixar que todo siga como vai, pero son optimista. En trinta anos falamos.

Novidades