Luns 20, Setembro 2021
HomeOpiniónA GALIÑA QUE PON OS OVOS SEN DATA DE CADUCIDADE

A GALIÑA QUE PON OS OVOS SEN DATA DE CADUCIDADE

A soidade era densa e asfixiante. Filtrábase polas paredes da casa coma un líquido que procura unha saída a través dun poro. (Ledicia Costas, Infamia).

 Un relato de Xosé Antón Jardón

Ao aprobar a oposición de motorista da Garda Civil de Tráfico, Tirso López veu ter a Ourense e, no canto de ocupar a vivenda que lle pertencía na comandancia, alugou un cuarto na pensión que a señora Lola recibira en herdanza dun xastre que a afillara, militante raso do Partido Galeguista, co que vivira amancebada a nai nos dez últimos anos da súa vida. O da Benemérita namorouse perdidamente de Lucía, a filla da caseira. Como ela se facía a espantadiza diante daquel españolista empedernido, o tal non tivo máis remedio que aprender o galego e ata pagou un profesor particular. Ao cabo dun mes xa foi quen de facerlle a Lucía a primeira declaración de amor na lingua de Rosalía. A estratexia do madrileño deulle un resultado excelente, acabando en casamento e o matrimonio non tardou en ter familia. Dous anos despois, ao ascender a sarxento, ansioso de regresar ao seu Madrid natal, Tirso foi destinado ao Ministerio do Interior.

A filla de Tirso e Lucía, Celia, malia vivir na capital do reino, pronunciou as primeiras palabras na lingua da familia materna −e da paterna, claro−. De estudante, Celia pasaba as vacacións coa avoa na casa da aldea. A moza diplomouse en enfermería, mais como en Madrid hai pouco choio para sanitarios, ao morrer a avoa, decidiu reconverter a residencia da aldea nunha casa de turismo rural.

Os primeiros clientes proceden da Coruña: un matrimonio cun neno de seis anos. Ao chegaren á pousada, mentres os maiores desfacían a equipaxe, Celia prestouse a mostrarlle a horta e os animais ao cativo.

Xa de regreso o rapaz tratou de explicarlle aos pais como aquí nesta aldea, “a las gallinas le llaman pitas y al perro le llaman can y, a pesar de que los huevos están calientes, la señora dice que son frescos”.

O fulano arramploulle ao fillo o ovo que levaba na man, mentres inspeccionaba a casca e lle chamaba a atención Celia por falarlle galego a un pequerrecho. Ela, educadamente, respondeulle que se limitara a explicarlle ao neno como se lle chamaban ás cousas no lugar onde estaba. O da Coruña aínda se enfureceu máis e, como non sabía por onde saír, concluíu a conversa: “Tráigame la hoja de reclamaciones! Voy a denunciarla porque sus gallinas serán muy gallegas pero ponen los huevos sin fecha de caducidad”.

[O meu tío Lisardo bota fume polas orellas cada vez que constata como o sistema –xudicatura incluída− sempre atopa argumentos “legais” para darlle a razón a estes curiosos patriotas].


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]