Hai que recoñecerlle a Núñez Feijóo a súa capacidade para saír indemne das queimas. Da que sofre o seu partido, que ten un exército de líderes e altos cargos estigmatizados pola corrupción, que tamén tivo e ten en Galicia algunhas terminais. Da que ten en ascuas o goberno do seu amigo e confidente Rajoy. Da que en boa lóxica tería acabado con calquera que, en contra das milongas propagandísticas que disemina con descaro e cinismo político, amosa despois de case oito anos á fronte da Xunta unha paisaxe agostada, con todos os indicadores económicos e sociais en negativo.
Malia todo, nos laboratorios dos baixos fondos da política e das finanzas madrileñas, nas televisións e na prensa do establishment –a práctica totalidade do sistema mediático español–, o político galego é unha especie para protexer. Por iso, cando un sector do PP filtra para pararlle os pés as fotos nas que se lle ve compartindo barco e lecer co narcotraficante Marcial Dorado, lonxe de dimitir da presidencia da Xunta e da política, instrumentaliza unha ofensiva a cara de can e, contando co silencio e o amparo cómplice dos seus protectores, consegue esvaecer e virar aquelas obscenas imaxes que, por ocupar daquela o segundo chanzo de mando na consellería de Sanidade, forman parte e lixan para sempre o seu currículo de home público.
Porén, o sumario do que deu de si como gobernante, tal como se fundamenta e demostra neste mesmo número de TN, debuxa unha Galicia en descomposición (sistema financeiro, sector naval e sector lácteo, a quebra ou deslocalización de grandes empresas, o despoboamento e o esquilme do rural, a crise demográfica…), coa renda per cápita, a pensión media e a remuneración bruta dos traballadores moi por debaixo da media española, e cuns niveis alarmantes de desemprego xuvenil e de pobreza. Unha paisaxe degradada que non ten consecuencias para Feijóo e para o PP porque ten practicamente todos os medios de comunicación comprados con subvencións millonarias, e en vez de actuaren como un contrapoder, son o altofalante servil das súas milongas propagandísticas. Das súas mentiras. U-la honestidade e a eficacia xestora que tan ben sabe vender nos estudios de gravación e nos reservados da Villa y Corte?
Poeira de pantasmas
A última andanada do CIS abriu a caixa dos tronos. Deu para facer da estratexia electoral unha máquina de producir medo. Estigmatizar e criminalizar un suposto invasor, Unidos Podemos, convertido demoscopicamente no estandarte que simboliza e encarna a revolución política que ameaza, pola dereita e pola esquerda, o establishment. Non é só porque as estimacións de voto predín o sorpasso ao PSOE, abocado a ser bisagra por vez primeira desde a transición. Tamén porque provocaron unha poeira de pantasmas nos altos despachos do poder, que demandan dos partidos tradicionais, os partidos coach nos que viñeron depositando alternativamente a súa confianza e os seus intereses de clase, que levanten cercados e disparen contra elas.
Do que se ve e escoita nos escenarios televisivos, que hoxe en día monopolizan o debate político, non podemos senón deducir que ese e non outro é o obxectivo a conseguir nesta re-campaña electoral. E non deixa de ser sorprendente que, atados a esa demanda, Pedro Sánchez e a elite dirixente do partido socialista se revolvan contra a adversidade demoscópica estigmatizando o seu rival na esquerda acusándoo de extremista, trocando a ambigua e gastada acusación de populista pola reeditada de comunismo. O mesmo argumentario simplificador que o utilizado polo PP e Ciudadanos, empeñados en provocar a podemosfobia para multiplicar os votos do medo e perpetuarse no poder, malia que iso comporte que España e a sociedade dos catro millóns e pico de parados e dos dous millóns de subempregados, a dos índices alarmantes de pobreza e desigualdade, a das tramas de corrupción política/empresarial e a da progresiva e perversa ocupación institucional polos poderes fácticos, se encripten nese estado leproseril para moito tempo.
Con esa estratexia, que identifica anti-sistemas e anti-establishment tal e como lle interesa á dereita, o PSOE asume un camiño cara a ningures. Que non o vexa así Susana Díaz, unha indocumentada que xoga en política tal que unha folclórica na feira de abril, pode ter unha explicación. Pero Sánchez ten a formación suficiente como para entender que as horas baixas do seu partido teñen na desnaturalización dos principios socialdemócratas, e nas concesións involucionistas ás que se entregaron –por caso, esa maldita chantaxe plasmada na modificación do artigo 135 da Constitución–, o seu verdadeiro cancro. O medo que interioriza a sorpresa polo fenómeno do partido emerxente –agora mesmo, o temor ao sorpasso electoral– lévaos a sobreexcitar a súa autodefensa articulando a primitiva e torpe estratexia de situalo fóra do sistema, desprezando abertamente millóns de cidadáns que o lexitiman co seu voto democrático. Unha actitude que os vai castigar nas urnas. Porque non casa ben dicir por unha banda que o seu obxectivo é botar a Rajoy e o PP da Moncloa e converxer pola outra no argumentario criminalizador que estes últimos utilizan ao berro de que veñen os comunistas, extremistas e radicais para gañar as eleccións en plan película de vaqueiros.
Mimetizando a campaña apantasmada e calumniosa das dereitas, con escala propagandística incluída en Venezuela, e sen outro discurso incentivador do voto a prol dun goberno progresista e de esquerdas, os socialistas corren o risco de quedaren o vindeiro 26X sen plumas e cacarexando: con Rajoy e o PP revalidados para seguiren ao servizo da ortodoxia neoliberal, que martiriza as maiorías sociais, e con eles no galiñeiro do Parlamento e fóra de foco na referencia representativa da esquerda no Estado.
Ata ese día, aínda teñen tempo para rectificar. Despois dese día, tamén.