Editorial
A opinión pública galega recibiu atónita a cifra da taxación de NCG Banco por parte do Banco de España: 181 millóns de euros. Este é o valor atribuído ao patrimonio de NCG vista a deterioración dos activos e o previsíbel valor de liquidación no enrarecido contexto económico que atravesamos. Tan exiguo patrimonio non impide que a entidade acumule un volume de activos de enorme dimensión: 75.000 millóns de euros. A cifra sitúa a NCG Banco no selecto tramo dos grandes actores secundarios do sistema financeiro español, xunto con Catalunya Caixa, Kutxabank, Banca Cívica e Mare Nostrum e inmediatamente despois do tramo líder que abre o Banco Santander e cerra o Sabadell.
De pouco serviron as apresuradas operacións de desinvestimento acometidas nos últimos meses, as xenerosas provisións xenéricas que aseguraban -segundo se dicía- a solidez patrimonial e a solvencia do novo banco. Finalmente, este veuse obrigado a admitir a nacionalización dos activos acumulados polo aforro secular dos galegos instrumentada mediante unha operación de recapitalización onde o FROB (Banco de España) pon 2.465 millóns de euros (93,16% do capital) e as caixas fusionadas o seu exiguo patrimonio valorado en 181 millóns (6,84%) a fin de situar finalmente o capital na cifra exixida de 2.646 millóns.
A operación constitúe un patente acto de expropiación perpetrado mediante unha valoración inequitativa -é dicir inicua- dos activos e amparada nunha situación de extraordinaria aversión dos investidores á mínima sospeita de risco. O sumarísimo calendario de execución desenvolveuse en pouco máis dun ano mediante procedemento sumarísimo en exixencias e prazos. As condicións impostas ao proxecto de fusión das caixas evocan as que resultarían de obrigar aos exportadores españois de cogombros a vender as súas existencias en Alemaña inmediatamente despois de seren propalados os riscos mortais derivados do seu consumo. A magnitude da expropiación do aforro acumulado pola sociedade galega durante 170 anos (a primeira caixa galega data de 1842 e a totalidade das nacidas desde entón confluíron no proxecto NCG) só ten como parangón histórico coa venda das grandes propiedades monásticas galegas á burguesía especuladora urbana alá polo tempo en que nacían as primeiras caixas galegas.
30-06-2010: a fusión das dúas caixas galegas atinxe un valor patrimonial de 2.910 millóns; 60% procedente da coruñesa, 40% da viguesa. 16-09-2010, constitución do NCB Banco: o valor patrimonial da nova sociedade é de 1.714,5 millóns de euros, segundo a valoración das caixas matriz. 3-10-2011: o Banco de España fixa en 181 millóns o patrimonio resultante a efectos da nacionalización decretada.
A sociedade galega ten o dereito irrenunciábel a recibir una explicación inmediata, clara e precisa das circunstancias que condicionaron o meteórico proceso de expropiación, das alternativas abertas, das restricións de índole técnica ou política, da secuencia de decisións adoptadas e das responsabilidades persoais implicadas no proceso de reconfiguración do novo banco. O feito de que o patrimonio da nova entidade estea valorado en 181 millóns de euros en circunstancias extraordinarias e extremas non impide que o volume de activos ostentados pola entidade se cifre en 75.000 millóns, é dicir: 1,3 veces o PIB galego (58 mil millóns), 28.000 euros por cada cidadán galego. E o 45% longo dos depósitos galegos.
Temos dereito a exixirlles aos responsábeis un relato pormenorizado da xestión do proceso e as perspectivas que agora se abren. Vai sendo hora de substituír o garuleiro e pretensioso discurso de directivos, portavoces, representantes políticos, técnicos e asesores, auditores e xornalistas áulicos por un relato simple e directo do como, o cando, o porqué e o para que do proceso. Non podemos consentir a clausura apresurada e ás escuras deste desventurado episodio sen mediar unha reflexión fonda e documentada pola simple razón de que nosos son os depósitos e nosos os activos e a súa xestión –agora en cuestión– foi encomendada a apoderados sen ningún título de propiedade sobre eles e, o que é máis importante, porque o futuro dos nosos depósitos e activos vai condicionar decisivamente o noso futuro colectivo. Un acto de contrición pública dos tenores do localismo exacerbado sería altamente desexábel pero improbábel. Falta galeguismo, vivimos tempos de penuria de conciencia colectiva conducidos por excelentísimas personalidades que nunca viron nada maior que a praza da súa vila.
As cinsas de extinta NCG repousan xa na memoria como un dos episodios máis amargos da historia económica do país. A incineración e os gastos correron por conta do Banco de España por necesidade dun guión escrito fóra. Toca agora levantar o túmulo. A arquitectura e os materiais seleccionados -a configuración de CNG Banco- é materia reservada a contados despachos, arcano para o vulgo que aforra e vota.
A fase que agora se abre é crítica. O actual responsábel do proxecto, José María Castellano parece ter que optar pola profesionalidade no equipo xestor, unha novidade que cabe agradecer, pero falta por comprobar o principal: a súa capacidade para concitar apoios e a cualidade e procedencia destes. É a hora das grandes fortunas galegas e do seu compromiso social, a hora do empresariado capaz de comprender a dimensión social do lucro. Non caben escusas, a sociedade galega vai tomar boa nota de comportamentos, ausencias e compromisos. Non vaia ser que don Pedro Barrié acabe por ser recoñecido como a única fortuna capaz de entender e practicar a filantropía social. Esa exótica planta nos xardíns do empresariado galego.