Luns 27, Xuño 2022
HomeOpiniónA Europa do 25-M: desactivar a fatiga democrática

A Europa do 25-M: desactivar a fatiga democrática

Non está o forno europeo para bolos. As políticas de austeridade impostas pola troica fixeron de países como España, Grecia ou
Portugal uns zorros. Contando coa complicidade entusiasta de gobernos que practican, con inusitada submisión aos seus ditados, a doutrina da obediencia debida, o xeneralato neoliberal da UE consumou unha estratexia de doma e castración social de consecuencias irreversibles. Tamén a Constitución do 78, a mesma que agora enarboran Rajoy e os seus como pendón de guerra contra o dereito a decidir en Catalunya, caeu con nocturnidade e aleivosía nesa espiral neoliberal. Sen que o nacionalismo mediático español abrise primeiras páxinas e telexornais con semellante traizón patriótica.

As consecuencias non poden ser outras que as da desafección europeísta. Non hai apenas diferenzas entre o que dan unhas e outras sondaxes de opinión. Unha das últimas (Metroscopia) daba que o 86 por cento dos cidadáns españois pensan que Europa deixou de sernos útil, e nada menos que un 44,3 por cento coida que lonxe de ser unha organización democrática, a UE responde moi ben ao que é un club de Estados no que cada quen vai ao seu.

Mala cousa. Porque se por algo se debera lexitimar a UE é polo benestar que lles proporcione aos cidadáns, e tamén pola liberdade
adquirida de traballar en todo o territorio da unión. Porén, a crise puxo en cuestión o benestar acadado, e estamos a ver como a liberdade de movementos parece que ten, cando menos en países como Suíza e deseguida Holanda, Alemaña e Reino Unido, os días contados.

As eleccións do 25 de maio pescarán nese caladoiro de desafección social e política. As feridas están ao descuberto, supuran e
producen dor. Nada fai presaxiar unha alta participación nas urnas. As cifras de abstención previstas superan o 50 por cento, e todo fai pensar que serán os partidos euroescépticos, populistas e mesmo xenófobos nacionalistas os máis beneficiados. Converxerán todos eles para entrar, como se dun novo cabalo de Troia se tratase, no Parlamento de Estrasburgo.

Todo iso malia que esta convocatoria de maio ofrece unha importante novidade que a diferencia das que a precederon. Do artigo 17 do Tratado de Lisboa deriva que, para a elección do presidente da Comisión, os xefes de Estado ou de Goberno –o chamado Consello Europeo– “deben ter en conta o resultado das eleccións do Parlamento Europeo”. Serán, pois, os grupos parlamentarios e non Estados os que a partir dos comicios de maio decidan quen será o substituto do portugués Durão Barroso á fronte do colexio de comisarios que ten a súa sé en Bruxelas.

Novidade en todo caso insuficiente para incentivar a campaña electoral máis alá do que puidese dar de si en clave española, que non europea. Atrasar como fixo o PP a designación de Arias Cañete para encabezar a súa candidatura forma parte dunha estratexia que ten como obxectivo limitar no tempo a exposición pública da súa lista. Para reducir así o perigo de que os enlistados, todos agás dous intrusos pero non por iso desafectos ao esquilme austericida pilotado por Moncloa, cheguen ao 25-M social e politicamente queimados, pois que durante os anos da crise non pasaron de exercer desde os seus escanos comunitarios o vergoñento e indigno papel de enfervorizados palmeiros das políticas neoliberais que, esixidas polos mercados e ordenadas pola troica, veñen executando ad pedem literae os gobernos conservadores, que son a día de hoxe os que en Europa cortan o bacallau.

Porque tampouco callou o que tantísimos demócratas proeuropeístas veñen demandando, conscientes da necesidade de establecer
estritas e constitucionais regras de xogo capaces de bloquear a un tempo a voracidade dos mercados, a desregulación que abandeira a hexemonía conservadora, o autoritarismo e o populismo. E iso pesa. Con maior razón cando, malia no caso de que en sendo posible que a socialdemocracia poña cos seus votos ao alemán Martin Schulz á fronte da Comisión, que foi durante lustros
unha verdadeira máquina de liberalizar, non por iso estea asegurado que poida cambiar ese rumbo. Se a presidise en minoría, por aquilo de que quen asigna comisarios son os gobernos en función das súas propias orientacións ideolóxicas e a maior parte deles son de dereitas, ese presidente de esquerdas quedaría sometido a constantes curtocircuítos. Pero aínda no caso de que chegase a
contar cunha maioría de comisarios progresistas, cousa difícil de imaxinar, tería igualmente as mans moi tolleitas para endereitar esa tendencia neoliberal, porque estaría institucionalmente obrigado a aplicar o Tratado de Lisboa. Que non admite outra folla de ruta que a marcada polos dogmas liberais.

Pese a todo, outra Europa é posible. Aquela que lles nega aos mercados o poder do que agora gozan, grazas a que teñen o chan alfombrado polos servidores de moitos dos Estados membros, para someteren a política aos seus exclusivos intereses. Unha outra Europa que só pode ter viabilidade se se conseguira reverter esa endiañada espiral de complicidade e traizón democrática. Como? Aprobando por unanimidade un novo tratado –unha verdadeira Constitución– que polo de agora nin sequera a socialdemocracia, e cantos apoian a candidatura de Schulz, está demandando.

Entrementres, o que como cidadáns desa reconvertida Europa –a que aparte de benestar e liberdade de movemento, se recoñece no calidoscopio de pobos e culturas que a conforman– non podemos apreixar na trampa da fatiga democrática. Porque é a que fai posible que perdure esoutra Europa, a dos mercados e a dos que lles dan fol desde as institucións. A eles e aos que, paradoxalmente, as queren ocupar para minalas primeiro e destruílas despois desde dentro. Velaí, pese a todo, a importancia que ten a participación activa nesta convocatoria de maio da cidadanía dos Estados e dos pobos que conecta social, política e democraticamente coa idea e co proxecto desa reconversión.

Non será cousa dun día, senón de anos. Cómpre dicilo para que ninguén se leve a engano. Pero nada nos obriga a que ademais de submisos acabemos mallados. Conseguirano se nos deixamos levar pola fatiga á que nos queren conducir cantos, non tendo nada que ofrecer que non sexan as receitas que administran os mercados e os gobernos cómplices en prexuízo do benestar e das liberdades cívicas, recorren con arrobas de cinismo e raposeira partidista aos demos interiores para anestesiar e desactivar o electorado.

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]