Domingo 1, Outubro 2023
HomeDestacadasA EMERXENCIA MEDIO AMBIENTAL DE GALICIA

A EMERXENCIA MEDIO AMBIENTAL DE GALICIA

por Manoel  Barbeitos 

Incendios forestais fora de control, catástrofes naturais descoñecidas ata o de agora, perda intensa e crecente de biodiversidade son probas indiscutibles de que estamos nunha situación de crecente emerxencia medio ambiental. Unha emerxencia que ten como centro o quecemento do planeta Terra. Un quecemento que, xa non hai dúbidas, é provocado pola actividade humana. Un quecemento que ten acadado tal dimensión que hai voces moi autorizadas que nos advirten de que resulta xa irreversible. Que aínda no caso moi improbable de que se detiveran tódalas emisións de gases que están provocando o actual quecemento, este non se detería dada a cantidade de gases que hai, hoxe en día, acumulados na atmosfera.

Pero non é so a atmosfera quen está sendo obxecto dun enorme deterioro senón que son practicamente tódolos recursos naturais (aire, auga, solo, flora, fauna..) de tal xeito que podemos subliñar que estamos nunha situación de emerxencia medioambiental. Unha emerxencia medio ambiental que en Galicia ten diferentes manifestacións.

Un aire cada vez máis contaminado

Hoxe por hoxe, Galicia, a pesares das súas condicións atmosféricas, non escapa a contaminación atmosférica. Unha contaminación que afecta as persoas na súa saúde pero tamén a vida animal e ao crecemento das plantas. Unha contaminación que ten como principais fontes as centrais térmicas, as plantas industriais e o tráfico rodado e marítimo.

A emerxencia climática ten unha das súas máximas expresións na emisión dos chamados gases de efecto invernadoiro. Desgraciadamente Galicia ocupa un lugar preferente entre os países emisores destes gases a atmosfera tendo en conta a súa dimensión: segundo informes oficiais a maior porcentaxe de emisións por CCAA de dióxido de xofre, óxidos de nitróxeno e partículas en suspensión corresponde a Galicia cun 25% do total das emisións en España.

Unha posición que lle ven especialmente provocada polas características da súa industria que entre as súas unidades máis dinámicas e potentes conta con empresas que emiten gases fortemente contaminantes. Emisións que derivan maiormente de actividades das centrais térmicas pero tamén das sinaturas de metais non ferrosos (alumina) e de empresas petroleiras (refinerías). Algunhas destas empresas estiveron sempre entre os maiores focos europeos de emisións de gases contaminantes (por caso, dióxido de xofre e óxidos de nitróxeno). Unha emisión tal que fai, a pesares dos silencios oficiais, que en moitas zonas de Galicia as concentracións atmosféricas de gases contaminantes superen os valores límites.  Unhas emisións que atacan tanto a vida das persoas como dos animais e as plantas. Hai datos de como os habitantes das vilas próximas a estas industrias contaminantes son máis propensos a padecer doenzas respiratorias e dixestivas que o resto de cidadáns galegos. Hai tamén evidencias de como cultivos agrícolas vense afectados regularmente polas choivas acedas provocadas por estas industrias.

Segundo un informe de Ecoloxistas en Acción as sete grandes capitais de Galicia, e moitas das súas áreas residencias, por mor do tráfico rodado e marítimo acadan con frecuencia valores de contaminación atmosférica superiores aos valores medios recomendados pola OMS. Sendo entre elas as que contan con centros portuarios as que teñen unha maior concentración de gases contaminantes. Como balance xeral, e segundo o informe anteriormente citado, “a totalidade da poboación galega respira un aire prexudicial para a saúde segundo as recomendacións da OMS (Organización Mundial da Saúde), e un terzo do territorio está exposto a niveis de ozono que danan a vexetación”.

A pesar do  o subliñado esta situación pode mudar no futuro inmediato por razóns un tanto inesperadas. Si finalmente algunha destas industrias pecha a súa actividade, por caso as centrais térmicas de Meirama e das Pontes, as emisións de gases contaminantes (GEI) a atmosfera experimentara unha drástica redución en Galicia tal que algunhas fontes autorizadas cuantifican nun terzo.

Unha presión sobre a auga cada vez meirande

Sucede que a nivel mundial, polo tanto tamén en Galicia, os recursos naturais básicos  están sendo sometidos cada día que pasa a unha maior tensión tal que producen situacións que podemos chamar de estrees. Por caso en relación coa auga quedan dúbidas de que o réxime de choivas está cambiando?. “Se ben as precipitacións anuais non teñen variado significativamente  nas últimas décadas, a distribución da chuvia si o fixo” (Xabier Vázquez Pumariño, “É auga, meu amigo”. Tempos Novos, agosto 2019). Evidentemente que en Galicia non estamos, nin de lonxe, na situación doutros países onde a tensión que vive a auga produce enormes secas que arruínan as colleitas e provocan a fame. Pero resulta indiscutible que a acción humana está provocando cambios tanto na oferta de auga como no seu tratamento. Cambios que, desgraciadamente, non son correctamente avaliados nin polos responsables políticos nin por unha parte moi relevante da cidadanía quen seguen pensando que en Galicia a auga é un recurso inesgotable e sempre accesible. “Quizás enganados  ou confiados pola falsa imaxe da abundancia de auga en Galicia, o certo é que a concienciación e a sensibilidade ambiental sobre o uso racional da auga e moi baixa a tódolos niveis, dende as administracións ata a industria e os servizos, pasando polo cidadán de a pe, agricultores e gandeiros” (Serafín González Prieto, “Ecosistemas acuáticos en risco”. Tempos Novos, setembro 2019).

A presión sobre a auga ten varios frontes. Unha primeira sería o excesivo consumo que da mesma facemos os/as galegos/as tanto a nivel urbano como rural e mesmo industrial.  Segundo fontes da Confederación Hidrográfica o consumo de auga en Galicia distribúese, máis ou menos, do seguinte xeito: agroindustria (74%), industria (17%), consumo humano (9%). O forte desenvolvemento de gandaría industrial así coma a eucaliptización dos terreos forestais e a ineficiencia dos sistemas de rega están disparando o consumo de auga. Un consumo que no sector industrial ten como principal axente  ás industrias térmicas.

Outra presión sobre a auga procede da contaminación. Unha contaminación que ten varios orixes. Unha orixe está na agroindustria (residuos gandeiros e vexetais mal xestionados,  produtos tóxicos xerados polos montes queimados), outras na industria (vertidos de industrias extractivas e de transformación), na salvaxe urbanización (falta de depuración das augas residuais tal que Galicia é a comunidade que máis e máis tempo infrinxiu a normativa europea ao ríspeto, practica ausencia de medidas anticontaminantes no litoral) e na desproporcionada construción de infraestruturas viarias (desviación de leitos, destrución de mananciais, escorrentas….). Presión que se pon de manifesto tanto nos caudais dos rios (velaí, por caso, que numerosos embalses estean afectados nas súas augas pola eutrofización) como nas augas das nosas costas (os aportes de residuos superan a capacidade  de absorción e autodepuración das augas marítimas)  e mesmo dos mananciais.

 Uns solos crecentemente castigados

Os solos de Galicia están sufrindo un ataque brutal que ten varias fontes de orixe. Unha das máis destrutivas proceden dos incendios forestais que degradan enormemente os solos ao provocar unha importante perda de materia orgánica edáfica e, xa que logo, de fertilidade. As lapas, como proban tódalas evidencias, alteran a estrutura dos solos provocando unha esterilización dos mesmos e un incremento da actividade da chamada microvida. Por si isto non fora suficiente e dadas as características do terreo en Galicia a deforestación que segue aos incendios acentúa o perigo de erosión dos mesmos. Como ben sinalan os expertos “a deforestación dos bosques galegos” derivada dos incendios “provoca un incremento das riadas en épocas de choivas, un desprazamento dos sedimentos, con gravas e pedras, dende as ladeiras dos montes deica os vales e chairas, quedando nas superficies anteriormente arboradas uns solos moito máis probes” (A. Rigueiro Rodríguez: “Os  incendios forestais e os efectos ecolóxicos”, El Correo Gallego). Segundo as fontes estatísticas máis fiables hai poucas rexións no mundo (quizás so Australia e California) onde se de un grado tal de autodestrución dos solos, por mor dos incendios forestais.

Segundo o oficial  Inventario Nacional de erosión de solos con unha perda anual de solo equivalente a 14,5 toneladas por hectárea máis do 20% da superficie galega soporta erosións cualificadas como graves ou moi graves. Perdas en que determinadas zonas,  por caso as máis afectadas polos incendios forestais, son bastante máis elevadas. A pesar diso non se deberan desprezar os efectos provocados polo cambio climático xa que a presión combinada das fortes choivas co aumento das temperaturas provoca unha aridificación dos solos que abre o camiño a desertización.

Outros dos problemas que agochan os solos galegos derivan do mal uso dos mesmos. Recollendo a opinión de expertos podemos dicir que nas derradeiras décadas medrou a cantidade de solos degradados en Galicia debido a factores tales como “unha mala xestión do uso do solo, á expansión demográfica (ocupación do solo por casas, industrias e carreteiras) e a malas prácticas agrícolas e silvícolas (….). Neste senso temos que (ademais de) prestar especial  atención á prevención dos incendios forestais, aos cambios no uso do solo e as practicas de manexo inadecuado do solo agrícola e forestal que conducen a perda de materia orgánica e a contaminación dos solos (……). En definitiva temos que diminuír o impacto das actividades humanas sobre este recurso, é dicir, protexer e conservar a calidade do solo a medio e longo prazo con boas prácticas agrícolas e silvícolas que garanten a produción de alimentos sans e materias primas para as vindeiras xeracións” (Montserrat Díaz Raviña, Presidenta da Delegación Territorial de Galicia da Sociedade Española da Ciencia do Solo e investigadora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia)

O desenrolo da agroindustria ten tamén o seu impacto sobre a calidade dos solos. “Nos solos agrícolas a degradación prodúcese debido fundamentalmente ao cultivo intensivo, ao laboreo non axeitado e a utilización masiva e incontrolada tanto de fertilizantes orgánicos e inorgánicos como de produtos fitosanitarios (….) que leva a erosión do solo, a súa compactación, a perda de materia orgánica e a contaminación química do solo e das augas superficies subterráneas” (…..) Nos solos forestais a degradación ven debida ademais dos incendios forestais ao cambio no uso do solo (forestal, cultivo e prado) e ao manexo inadecuado do bosque como talas salvaxes, clareos excesivos, malas prácticas de instalación  de bosques cultivados...” (Montserrat Díaz Raviña).

 Unha presión en ascenso sobre a flora e a fauna

A principal presión medio ambiental que soportan a flora e a fauna de Galicia é a derivada dos xa citados incendios forestais. Unha presión que ademais de correspondente deforestación, po mor da erosión i esterilización que experimentan moitos dos solos queimados, está supoñendo un indiscutible cambio nos cultivos forestais. Para valorar na súa xusta medida este impacto “non debemos esquecer que os bosques e os montes teñen, entre outros, importantes cometidos ecolóxicos, de preservación de especies da flora, da fauna e do ecosistema” (Roxelio Pérez Moreira, “Ecoloxía e ordenación forestal”. Consellería de Agricultura. Xunta de Galicia).

Aínda que resulta moi difícil chegar a coñecer cunha certa fiabilidade os tipos de flora e fauna ameazados así como as súas causas, si se pode asegurar que a presión ambiental sobre as mesmas é intensamente crecente. Un descoñecemento que deriva, por caso, de situacións como que existindo un Catálogo Galego de Especies Ameazadas este date do ano 2007 e non teña sido renovado ao día de hoxe. “Temos un catálogo que non serve practicamente para nada, que é papel mollado. A este ritmo farían falta 407 anos para ter tódolos plans de recuperación das especies en perigo e outros 1.309 para ter plans de conservación das vulnerables e ningunha das especies pode agardar catrocentos anos” (Serafín González. Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural).

Si os incendios forestais poidan que sexan hoxe a principal fonte de presión sobre a flora e a fauna galegas non se poden esquecer outras derivadas maiormente da acción humana como a extensión dos monocultivos e o uso crecente de herbicidas na agro-industria, así como a proliferación e propagación de especies invasoras tanto na flora como na fauna e nas que ten moito que ver a acción humana. Unha acción destrutiva que leva a que xa non so continúe medrando o número de especies ameazadas senón ademais as que están en risco de práctica extinción. Unha degradación que se veu facilitada ademais de pola acción humana directa pola crecente presencia de especies exóticas ou invasoras. Así por caso o efecto do quecemento climático sobre as augas dos océanos está tamén afectando a Galicia en cuxas costas estanse producindo cada vez maiores perdas de hábitats, mortes de exemplares, desaparición de especies tradicionais e aparición de especies invasoras.