
Para o presidente da Xunta, as polémicas declaracións realizadas polo Valedor do Pobo na sede parlamentaria só poden ser consideradas como unha demostración da liberdade de expresión que posúe calquera persoa. Semellante simplificación analítica leva implícita unha alarmante consideración a respeito do nivel de intelixencia de quen lea ou escoite esa mensaxe explicativa. Para Núñez Feijoo, o Valedor resulta equiparábel a calquera comentarista ou tertuliano de tal xeito que cando fala –coma neste caso- nun acto oficial no pazo do Hórreo, non merece ser xulgado en función da responsabilidade que ostenta ou do labor que teña acreditado no desenvolvemento do seu papel institucional. Hai que recoñecer que esta teoría presidencial constitúe unha auténtica revolución na doutrina sobre o funcionamento dos sistemas democráticos.
O valedor do Pobo ten como función básica defender os dereitos das persoas diante das Administracións públicas. Debe tramitar as queixas que lle presentan, individual ou colectivamente, e debe esixir unha resposta áxil e congruente por parte dos responsábeis gobernamentais. O que fixo Benigno López na súa última comparecencia parlamentaria atopase nas antípodas dese código de conduta que ten atribuído por prescrición legal. Desculpar as deficiencias observadas na aplicación da Lei de Dependencia por parte do Executivo galego e mesmo suxerir a paralización de tal normativa polas carencias orzamentarias derivadas da crise constitúe un despropósito de tal natureza que resulta pertinente pensar na inmediata presentación da súa dimisión ao fronte da institución que representa.
Esta insólita intervención do Valedor coincide, no tempo, cunha campaña de opinión favorábel á desaparición desta figura no ámbito das CC.AA.Como é sabido, semellante proposta tomou forza a partir da decisión tomada pola nova presidenta de Castela-A Mancha, Dolores de Cospedal, partidaria de suprimir algunhas institucións por razóns de aforro orzamentario. Benigno López coñecía perfectamente semellante estratexia e debía calcular o efecto multiplicador das súas palabras: exhibir unha renuncia practica das funcións que ten conferidas implicaba alimentar o crédito dos que consideran un luxo dispor de mecanismos de control que melloren a calidade do sistema democrático. Se non quería devaluar o prestixio da institución fixo o contrario do que esixía a singular conxuntura social e política pola que atravesamos.
Precisamente agora, cando milleiros de familias galegas viven na incertidume provocada polo grave episodio das participacións preferentes emitidas polos bancos e Caixas, resulta mais necesario que nunca o labor dun Valedor digno de tal nome que denuncie o engano e a falta de control na actuación das entidades financeiras e procure solucións para esa desfeita intolerábel.