por Xurxo Borrazás
Levando o garfo á boca, sobresaltoume triunfal unha presentadora de televisión ao proclamar: “Acabouse estudar idiomas!” A canle ten sona de progresista e a muller destilaba euforia, coma se anunciase unha cura para o cancro, o inicio das rebaixas ou quince días de sol e praia. A “noticia” facía referencia a unha app de traducción simultánea e, dado que ensinar idiomas é a miña profesión, sentinme aludido. Cheguei a considerar a posibilidade dunha chamada ao centro de traballo para preguntar se tiña que volver ou debía considerarme amortizado, mais era fin de semana e non ía haber ninguén. O luns, por se as moscas, achegueime alá e, incribelmente, todo seguía coma antes, vese que a fin dos estudos de idiomas non ía ser inmediata.
Was ist des-aufklärung?
Iso preguntaría Kant hoxe: que é a desilustración na era do Chat GPT? Arremecághona se non foi o demo porque entre as funcións dese Chat destácase a capacidade de escribir artigos ou libros enteiros, facendo innecesarios os escritores. A paisaxe ía tomando aires de extinción. Busquei alguén que no GPT encargase unha redacción sobre min, Xurxo Borrazás, e aprendín unha chea de cousas, por exemplo que eu era un poeta obsesionado pola mitoloxía celta, que se me tiña comparado con Dylan Thomas ou William Butler Yeats, etc.
O desprezo polo coñecemento científico e a intelixencia son de tal calibre, que un día erguerémonos para comprobar que a Historia foi substituída pola saga de Tolkien e a xeografía familiar pola Terra Media e o metaverso.
Estas dúas anécdotas enmárcanse na tendencia xeral a renunciar ao exercicio da intelixencia e a externalizar as súas funcións encomendándollas á tecnoloxía, tendencia que gaña espazo ata na busca de parella, para a que se confía máis nun algoritmo que nas percepcións propias, privándonos dunha das experiencias máis saudabeis para un ser humano: fracasar. Xa non digamos no caso do GPS, grazas ao cal renunciamos ao sentido da orientación e substituímos as rúas nas que camiñamos polo seu correlato dixital no mapa do móbil, de paso privándonos doutra das experiencias máis enriquecedoras ás que podemos aspirar: perderse.
GPS, GPT. A onde nos conducirá o GPV? Que non cunda o pánico, tampouco é algo novo, só unha sofisticación de cando nos anos ‘70 se popularizaron as calculadoras de peto coa perspectiva de que se ía acabar o facer contas, raíces cadradas, cosenos, logaritmos. Ou aqueles métodos milagreiros para aprender idiomas mentres se durmía, por medio de cintas de cassette e un auricular na orella. De día soñabamos espertos cubrindo a pantalla dos televisores en branco e negro cun celofán para transformalas en tecnicolor e as risas e aplausos enlatados dicíannos cando e como nos debiamos emocionar. Tempos felices.
Abaixo os privilexios!
Leo estes días sobre dous conflitos nos que profesionais cualificados reivindican melloras laborais: sanitarios e letrados de xustiza. Estes últimos son acusados de privilexiados polo Ministerio porque, tras completar o grao universitario e pasar unha oposición na que deben competir e probarse en Dereito Constitucional e Comunitario, Organización e Estrutura da Administración de Xustiza, Dereito Penal, Dereito Mercantil, Dereito Administrativo, Dereito Procesal Contencioso-Administrativo, Dereito do Traballo e Seguridade Social e Dereito Procesal Social e Rexistro Civil, e tras ver incrementar as súas responsabilidades e carga de traballo, pretenden cobrar máis que as dependentas de Zara ou as caixeiras de Mercadona. Que desfachatez!
Que van conseguir coas protestas? Oxalá que melloras, pero tamén que se acelere o proceso en marcha de introducción da intelixencia artificial na administración de xustiza. Os humanos non somos infalibeis tomando decisións, os algoritmos non son susceptibeis á corrupción, non cansan, non teñen un mal día, e por suposto non fan folga. Trátase de avanzar cara a “xustiza predictiva”, xa hai estudos que falan dun 80% de acerto nas decisións tomadas, semellante ao dos ataques con drones nas zonas de guerra que, quitado algún bombardeo lamentábel, funcionan razoabelmente ben.
As protestas na medicina son múltiples e a fuxida de profesionais fala tan claro como as taboas reivindicativas. As condicións de traballo e a desconsideración da profesión están a convertir a profesión nun subemprego de facto. Non só reclaman melloras salariais ou de xornada, en Galiza opóñense á última ocorrencia da consellería para desconxestionar a asistencia primaria e as urxencias hospitalarias, o plan de triaxe XIDE, un algoritmo para “ordenar a demanda” manexado por persoal non sanitario que o SERGAS se nega a facer público, como tampouco aclara a responsabilidade en caso de erro ou os datos segundo os cales alardean de bos resultados. Vai saber máis un simple médico que un algoritmo de última xeración? Xa volo adianto eu, en caso de erro as culpas vainas levar o algoritmo. Foi claro o conselleiro de Madrid nunha cachada en forma de gravación: A atención primaria actual é de inspiración castrista, debe camiñar cara a enfermaría e a videoconferencia. Fin da cita.
O desprezo polo coñecemento científico e a intelixencia son de tal calibre, que un día erguerémonos para comprobar que a Historia foi substituída pola saga de Tolkien e a xeografía familiar pola Terra Media e o metaverso. En círculos académicos haberá amagos de resistencia, pero irase instalando o discurso de que son dúas versións lexítimas, argüirase que toda Historia é relato e, cando os elfos e orcos acaben por imporse, serán as guerras, imperios, descubrimentos, estruturas políticas e transformacións sociais as que se lerán como contos de fadas e as queixas dos historiadores como nostalxia dun mundo de fantasía. A consecuencia non será un futuro de persoas dependentes, infantilizadas e manipulabeis. Ese é o presente.