Mércores 30, Novembro 2022
HomeOpiniónA corrosión (neoliberal) das democracias

A corrosión (neoliberal) das democracias

por Albino Prada

Orixe dos trumpismos

Na miña “Crítica ao hipercapitalismo dixital” (2019) recollía como o centrismo neoliberal compartido por Clinton, Bush ou Obama deu lugar a un Estado débil, do que os ricos se desentenden, abandonando a sociedade á lei do máis forte. Cando as elites capitalistas libertarias de Wall Street e Silicon Valley andan a vivir en augas internacionais (en illas e paraísos fiscais), recóllese a deslocalización, da manufactura primeiro e dos servizos despois, e a conseguinte perda de postos de traballo dentro do propio país, a evaporación da clase media, o aumento do número de pobres e da taxa de criminalidade, o florecente tráfico de drogas, o declive das cidades… Mentres todo iso sucede, as elites (xa republicanas ou demócratas) que definían a axenda política perderon o contacto cun pobo a cada paso máis lonxe de ser unha cidadanía activa.

Unha contra reforma sería hoxe a proba do algodón para falar ou non en serio dun pacto social inclusivo na España do século XXI. Lonxe diso, moito me temo que temos e teremos centrismo neoliberal con moito lixo mediático. E con candidatos de recambio de sobra para bailar esa música na Moncloa.

Así o resumía –van xa vinte e cinco anos- o recoñecido analista da sociedade norteamericana contemporánea Christopher Lasch no seu libro “A rebelión das élites” (1996). É acaído lembralo porque creo que define de xeito esclarecedor as raíces profundas da ruptura social que, dúas décadas despois, daría de si a emerxencia -para moitos incomprensible- do fenómeno Donald Trump como novo presidente dos Estados Unidos.

Porque os intereses globais destas elites cosmopolitas aplauden coas orellas a corrosión das vellas democracias e o descrédito da política. Robert Alan Dahl, politólogo norteamericano, pouco sospeitoso de socialismo, razoaba por aqueles mesmos anos nun lúcido ensaio, “A democracia e os seus críticos” (1992), sobre o que chamou plutocracias, oligarquías ou tutelas nas que estarían en dar as outrora democracias. Un goberno dos mercados, no que uns poucos (os máis ricos e poderosos) impóñense con variados trucos (primas de risco, axencias de cualificación, saída de capitais) aos moitos. Con monicreques ou homes de palla que monta troulas mediáticas, mentres deixan coas mans libres aos que moven os fíos.

Neste ambiente, os demócratas en EEUU (e en Europa socialdemócratas como Blair, González ou Schroeder) viraron en cosmopolitas imperiais secuestrados polos designios da globalización económica, da man invisible. Rexeitando o sector público e as subas de impostos.

Foi nestas que aboiou un demagogo salvador como Donald Trump (e tamén as súas metástases internacionais: Yeltsin-Putin, Bolsonaro, ou o Boris do brexit). Deixar que as elites fagan e desfagan a vontade, botar o Estado polo sumidoiro, envolverse na bandeira e incitar contra da inmigración. Prometendo a volta ao pasado, á cidade da infancia. Todo iso mesturado con moitas redes sociais a afogar a intelixencia colectiva.

Outras mutacións e corrosións

A reviravolta das democracias occidentais será resolta pola democracia popular na China coa máxima produtividade dentro do PCCh. Sendo así que, do mesmo xeito que as democracias burguesas segundo a análise rigorosa de Robert A. Dahl terían dado en formas de tutela iliberal (plutocracias ou oligarquías de feito), vai acontecer coas outrora democracias populares. O Estado terase que poñer ao servizo duns poucos (as elites tecnocráticas tutelares: os membros máis ricos, máis cultos ou supostamente máis virtuosos do Partido) impóndose á vontade dos moitos.

Os mecanismos para conseguilo serán variados e transferibles: que a delegación remate sendo alienación e o pobo non teña a última palabra (o xudicial ou o Executivo-policía si), ou que as oportunidades reais de participación dependan dos recursos ou do coñecemento. Cousa que se comproba nunha abstención que, de libro, como norma diminúe ao medrar o nivel de ingresos. Co resultado dun crecente déficit democrático dos parlamentos nacionais, en relación cos temas e institucións da globalización e da internacionalización (FMI, OMC, BM, etc.), que rematan por ser xestionados co pensamento único das elites tecnocráticas e burocráticas. Tamén na Francia de Macron.

Ou co uso das TIC e da IA, non para a información creativa e a deliberación, senón para o contrario: odio e novas falsas. Dahl non se trabucaba ao preguntarse hai tres décadas: “¿Poden as elites explotar as comunicacións interactivas para manipular a opinión pública de forma que sirva aos seus intereses?“. E así vai suceder na China e nos Estados Unidos.

Conclusións

Un fato de mil millonarios globais consideran o vello Estado Social gravoso e ineficiente e, máis aínda, falar de soberanía fiscal. Son secesionistas en prol dun mundo sen fronteiras e sen institucións globais democráticas. Dentro e fóra só aceptan tecnocracias ou persoeiros que xestionen os recursos estratéxicos (naturais, financeiros, tecnolóxicos, armamentos) segundo os seus intereses. E moven os seus fíos para forzar que sexa así.

Pouco lles importan as ruínas locais (por caso hoxe na Ucraína e en moitos países desfeitos) desta deriva que monten líderes e grupos autoritarios, supremacistas, teocráticos ou patrióticos co concurso dunha manada de votantes convencidos. Para eles a lei da selva, o diñeiro e o mercado darán sempre ao mellor a súa cota de consumo e promoción social,  mentres que os perdedores ou discrepantes vai de seu que apanden co seu destino. Totalitarismo plutócrata alimentado pola auto chamada intelixencia artificial.

E con metástases deste “trumpismo” en Estados Unidos, na China, en Rusia, no Brasil, no Reino Unido, Polonia, Hungría… Mentres, nos poucos países onde puido existir unha vía socialdemócrata o seu secuestro polo xa universal centrismo neoliberal garantirá que onde puido haber outrora unha transición ao socialismo xa só se espere unha transición ao consumismo.

Tamén en España. Centrismo neoliberal que chegou ao climax en 24 horas na reforma da Constitución de Zapatero e Rajoy (do artigo 135). Sendo así que unha contra reforma sería hoxe a proba do algodón para falar ou non en serio dun pacto social inclusivo na España do século XXI. Lonxe diso, moito me temo que temos e teremos centrismo neoliberal con moito lixo mediático. E con candidatos de recambio de sobra para bailar esa música na Moncloa.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]