Xoves 15, Abril 2021
HomeOpiniónA CODIA DAS AUSENCIAS EN TEMPOS ADVERSOS

A CODIA DAS AUSENCIAS EN TEMPOS ADVERSOS [RELATO]

 “Estou hoje vencido, como se soubesse a verdade”.  

(Fernando Pessoa, Tabacaria).

 

Un relato de Xosé Antón Jardón 

A miúdo adoito enzoufarme nesa pánfila rutina que tanto nos enchoupa aos que imos pola vida anxelicalmente despistados. Levo unhas cantas mañás facendo as mesmas parvadas. Despois de almorzar, no canto de asearme, prendo o ordenador e furgo nas páxinas dos dixitais na procura da noticia que nunca se presenta. A impaciencia érgueme da cadeira e arrástrame cara á xanela para que pescude cos meus propios ollos se a cidade recuperou a orde natural das cousas. Sempre que enfío a vista cara ao parque, vexo un cadeliño castaño correndo detrás das pombas que acoden en busca dos migallos que lle caen entre os pés ao tipo que, sentado nun banco, mastiga devecido algo que non dou identificado mentres vixía o neno que non para de bambearse no bambán.

Entón penso cómo pode ser que a esas horas non haxa máis xente no parque. Talvez sexa polas cotiás mudanzas normativas, posibelmente ideadas para avezarnos a vivir sen pensar. Eu que sei? Que máis ten! Nada me inmuta, nada. Aínda que hoxe esa maldita estampa do cadelo axotando as pombas, mentres o home vixía o neno, está excitando a miña moribunda curiosidade.

−A onde raio vas arestora? Leva a máscara e abrígate, que te vai coller o frío!

«Pois a iso vou, a ver se me arrefría a cabeza», respondinlle. Marchei talmente apampado por mor da insólita présa que me infundiu aquela repentina curiosidade, capaz de infestarme os miolos cun proído insoportábel e porfión.

Á entrada do parque cruceime con Lola e co fillo. Púxenme a leriar con ela sen pór atención na conversa porque eu ía ao que ía. Aínda así, déixome distraer polo operario que pasa arrastrando unha vasoira e un badil para recoller as cabichas, mentres unha máscara azulada persegue as follas que nadan na lámina da auga ata abafalas, polo simple gusto de velas podrecer no fondo do estanque. Por fin, espeto os ollos no banco e o bambán e véxoos totalmente baleiros. Decepcionado, decido regresar canda a veciña. De camiño, cóntame que Marcos se fora da casa sen dar explicacións e que un senegalés, ao que aínda non lle sabe o nome, lle garda o neno todos os días no parque, mentres ela fai algún recado. Mais hoxe, ao non atopalo, decidiu gañar axiña a volta, preocupada por se lle pasara algo, pois seica non goza de boa saúde, amais de non ter ninguén na cidade. Finalmente entramos no edificio e, mentres agardamos o ascensor, vemos a través do cristal da porta un cadeliño castaño acenando co rabo. Lola botou a correr cara á porta e ao saír fóra, só puido comprobar como fuxía adoecido. Invadiume novamente a curiosidade e, despois de embobala co conto de me ter esquececido do pan, collín outra vez o andante cara ao parque. Ao chegar onde o banco –e o bambán− atopei tombado nel o cadeliño castaño. Quíxeno acariciar mais escapou novamente. Niso apareceron dous fulanos uniformados, cunha calcomanía na casaca coa lenda «CANCEIRA MUNICIPAL». Preguntáronme se vira un can solto e respondinlle: «Que can? Por aquí non pasou ningún can!»  Aproveitei a coxuntura para interesarme polo home que acostuma sentar no banco. E, ou non me ouviron ou non quixeron escoitarme. Será que as máscaras nos están volvendo xordos!?

[Ao entrar na casa, sooume o móbil. Era o meu tío Lisardo. Contesteille e conteille o que me acontecera e el respondeume cun «Me cago na tose ferina e en toda a súa estirpe!» Despois dun momento de silencio, ao mirar a pantalla, vin que estaba completamente negra.]


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]