Martes 28, Novembro 2023
HomeOpiniónA axenda oculta

A axenda oculta

No circo en que deu a política non todo é espectáculo. Malia que uns e outros se esforcen en que o pareza. Na cascada declarativa, á que se someten os medios de comunicación con sospeitoso entusiasmo, ninguén parece ter interese por debater sobre o que en boa lóxica debera ter como obxectivo a refundación do pacto constitucional, co estado de benestar e o federalismo blindados. Pola contra, analizando as estratexias discursivas das forzas políticas sobre as que pivota, pola dereita ou pola esquerda, a posibilidade de formar goberno, podemos chegar á conclusión de estarmos asistindo a un torneo dialéctico que unicamente serve para enmascarar o que se esconde detrás das actitudes amosadas desde a mesma noite do 20D polos candidatos Rajoy e Sánchez. Unha especie de axenda oculta, cuxo desvelamento explicaría perfectamente as causas do bloqueo.

As xogadas trapeiras, ou trileiras, que enmarcaron até agora as desconexións entre uns e outros actores que desexan ver a Rajoy e o PP penando na bancada da oposición polos seus moitos pecados sociais e democráticos, non son outra cousa que ruído, ao que se suma o pontevedrés non grato coa tamborrada que anuncia o diluvio se el e o seu partido non fosen os elixidos. O obxectivo da gran coalición PP/PSOE/C’s ten detrás intereses que superan os da política. Están en xogo grandes operacións económico-financeiras, e tamén o control que sobre sectores estratéxicos da economía e das finanzas viñeron detendo os partidos que gobernaron España desde a transición. Abonda con pasar lista de exministros conservadores e socioliberais incrustados nas grandes empresas do Ibex35, para ver como se materializou o reparto de poder PP-PSOE que a non conformación da gran coalición poñería en perigo. Que se estendería aos poderosos actores do Ibex35, cuxa capitalización equivale á metade do PIB español, que están facendo todo e máis porque os seus padriños políticos de sempre se reconcilien. As hostilidades contra Podemos –con cacería incluída a cargo do ministerio do Interior– entran tamén nesa axenda oculta.

O acordo da derrota

A Europa dos mercadores, na que os actores do neoliberalismo ofician a cámara lenta a liturxia liquidadora do proxecto que no seu día ideara Jean Monet, ensancha o seu poderío sometendo principios e dereitos democráticos aos seus máis escuros obxectivos. Desvelouno de forma descarnada a xestión que, en conivencia cos mercados, viñeron facendo da crise gobernantes de toda clase e condición. Pero é a crise dos refuxiados a que desenmascara as durezas que a deshumanizan e desculturalizan. Con milleiros de persoas que foxen da miseria, da fame, da violencia, das guerras e dos sátrapas ás súas portas, os 28 estados da UE non fan outra cousa que establecer aramados e protocolos policiais para contelos. O acordo negociado o pasado 7 de marzo con Turquía, que institucionaliza de facto as deportacións en masa, é o penúltimo dos seus atropelos destrutivos.

O corpo sen vida do pequeno Ayllan revolveu os estómagos agradecidos do mundo rico e é cando, malia ignorar ata entón a tantos nenos e nenas sen nome sepultados no mar dos caiucos ou baixo a terra receptora de insufribles campamentos, orquestran a estratexia de resituar en dous anos a 160.000 refuxiados. No regateo duns, na negativa ou no abstencionismo doutros (Reino Unido e Dinamarca borráronse –son cousa á parte! –), púxose ao descuberto a mesquindade dos nosos gobernantes, Rajoy entre eles, e tamén a incapacidade das institucións comunitarias para dobregalos. Medio ano despois, a relocalización apenas supera o 0,5% da cifra á que se comprometeran (en España, unicamente 18 dos 20.000 refuxiados que subscribira Margallo para dous anos). Para demostrar a ruindade coa que actúan uns e outros abonda con dar datos de Eurostat: o número de persoas que pediron asilo durante o ano 2015 chegou a 1.300.000.

Polo acordo asinado co goberno turco, a UE tenta desfacerse do embolado aínda á custa de institucionalizar prácticas ilegais sancionadas polo dereito internacional e que violan a Convención de Xenebra que, á parte de regular o dereito de asilo, prohibe as devolucións en quente e as expulsións colectivas. Que os seus inspiradores aludan para xustificalo a que Turquía é un país seguro para eles, non é senón un requintado exercicio de cinismo político. Este país, cuxa fronteira con Siria é unha auténtica polvoreira, non cumpre, segundo a ONG Human Rights Watch, coas condicións de protección establecidas respecto disto na lexislación internacional. E Amnistía Internacional ten documentado devolucións de refuxiados a zonas de guerra executadas pola policía do autoritario Erdogan. Se o goberno de Ankara acepta por ese acordo converterse no xendarme que a UE precisa para non verse obrigada a enfrontarse con ese gravísimo problema humanitario, non é porque lle dese ao réxime un ataque súbito de solidariedade, senón porque a cambio percibirá un novo cheque de tres mil millóns de euros. Pola contra, se os milleiros de solicitantes de asilo e outros moitos refuxiados procedentes de países extracomunitarios son devoltos masivamente a Turquía, correrán o perigo certo de seren expulsados a zonas de conflito. Por caso, como xa ten ocorrido, a través do paso fronteirizo da provincia de Hatay, cuxo lado sirio está baixo o dominio de grupos xihadistas.

De ratificaren ese acordo, os estados que con máis convicción apostaron en tempos por unha Europa defensora das leis internacionais, as liberdades e o dereito humanitario, non farán outra cousa que recoñecer o seu fracaso. Que non é senón a derrota da propia Europa. Porque con el asumen ser o brazo executor das políticas xenófobas e ultradereitistas que propulsan os gobernos duns cantos países do centro europeo nos que campan, con inusitada condescendencia e despregue de medios, movementos que compiten no odio ao estranxeiro e son, como se constatou no último mes en Alemaña, un espello no que se miran outros que emerxen en países do norte e do sur.

Non cabe a menor dúbida. A Europa dos mercadores ten na crise dos refuxiados, e en cantos a alimentan con saña e bastardos intereses, o seu máis eficaz aliado.