Xoves 30, Novembro 2023
HomeOpinión5 DE ABRIL DE 2020

5 DE ABRIL DE 2020

por Antón Baamonde

Nas dúas eleccións xerais que se viviron o ano pasado, se un suma os resultados de PSOE, BNG, Galicia en Común e a cifra moi menor de En Marea, comprobará que esa suma avantaxou a suma dos votos das tres dereitas arredor de dez puntos porcentuais. Desde a transición, non hai rexistro de nada semellante. É algo sorprendente. Tan sorprendente, que eu non o entendo. Se cría ter unha certa capacidade de percepción, ou, para ser máis precisos, de interpretación, ese desaxuste, esa diferencia de case dez puntos (54% e 44%) entre os dous bloques nun prazo temporal tan breve me resulta chocante.

A vida política, ao final, é relativamente simple, e pode predicirse, en fases estables, sen grandes doses de imaxinación ou intelixencia. É como unha sorte de xadrez. Un ten que ter a información, e saber procesala, nada máis. A verdadeira dificultade, en todo caso, ten que ver con saber manexar as zonas cegas que todos temos: o que non sabemos, podemos ou queremos ver, porque contradí os nosos desexos, ou os nosos prexuízos. O difícil é ser ecuánime, prestar atención ao que non nos agrada. A obxectividade non é máis que ter a boa educación de sacar o sombreiro ante o que hai, non ante o que nos gustaría que houbese. Un pouco de empirismo británico, mesturado cunhas pingas de puritanismo kantiano.

En fin, ao que iamos: por que de repente esa contracción no voto da dereita ? Por que, nun país no que desde hai vinte anos as forzas estaban moi igualadas en número de votos, no mesmo momento en que a política española se polariza e evoluciona ao bi-bloquismo, pasa a producirse esa recuada do voto conservador ?

Como podemos interpretar ese dato? Quere dicir que unha parte dos votantes do PP de Galicia é refractaria ao extremismo co que se manifesta o PP de Casado? O sociólogo Lluís Orriols sostén, apoiándose en datos do CIS, que unha parte dos votantes do PPdeG, no caso de que C´s radicalizase as eleccións apelando a un españolismo escénico, como agrada a Arrimadas, causaría baixa no voto conservador. Segundo eses datos, unha parte significativa do electorado do PP síntese galega e, mesmo, o que xa é dicir, nacionalista.  Pode ser ese o motivo da desafección, o desagrado ante un nacionalismo español desatado? Ou é un relevo xeracional, o efecto vexetativo da substitución dos electores, o feito de que a xente ten a mala manía de morrer? Pode ser que a percepción do deterioro dos servizos públicos pasa factura ?

Feijóo ten conseguido sacar a Xunta da polarización xeneral da vida española. Ese é o seu mérito, e a súa estratexia. Galicia é un oasis e un lenitivo. O PP ten despolitizado o goberno. Todo son asuntos menores, a resolver por un técnico que pase por alí.

Saber ler esa fisura, ou esa desafección, é importante, se un quere entender a conduta dos electores. Nos últimos vinte anos,  a dereita sostiña a súa hexemonía por concentrar o voto nun só partido, e tamén, dito rápido, por Lugo e Ourense, ben polos efectos da Lei electoral nesas provincias, ben polo voto efectivo e o control do territorio. Pero a súa porcentaxe era en conxunto, con matices, case simétrica da suma PSOE/BNG. Así, as cidades e a zona costeira, as de maior dinamismo, podían ser gobernadas por cada un deses partidos, ou por unha coalición entre eles, pero a Xunta estaba sempre, inevitablemente, en mans do PPdeG.

Pero se esa simetría desaparece, no mesmo momento en que a dereita se escinde, iso pode ser devastador para as expectativas do PP. Sen embargo, o PPdeG parece tranquilo. Eles saberán. O certo é que o PPdeG debería perder as eleccións. Os datos así o mostran. Un ciclo cos resultados das últimas eleccións, tanto municipais, como as dúas xerais, repito que non o houbo en Galicia desde a transición. Unha diferencia de case dez puntos entre a suma das dereitas e a das esquerdas e o nacionalismo nunca se viu. É unha cifra moi voluminosa e consistente. Caballero, Pontón e, digamos que Gómez-Reino, deberían gobernar.

Se Feijóo fixo coincidir a data das eleccións en Galicia co día en que se celebrarán en Euskadi, se adiantou as eleccións, é porque as enquisas que manexa o bendicen. Ou porque xulga que, se o deixa correr, se convoca as eleccións máis tarde, o escenario pode ser peor para el. Pode que imaxine que unha remontada do barullo catalán pode excitar o voto a Vox e, por tanto, lesionar o seu capital máis prezado: ter compactada a dereita. Ou cabe que xulgue que Casado&Cayetana non poden máis que ir a peor.

En todo caso, a Feijóo nótaselle alegre e confiado. Neste momento, cre que vai gañar as eleccións, salvo un xiro de guión inesperado. Ten motivos. O PPdeG ten unha maquinaria electoral sempre en perfecto estado de revista, así como o soporte dos grandes medios.  E levan tanto tempo aí, que son como da familia. Tal vez non satisfagan moito, pero con eles un pode caer nun sopor brando e confortable.

Nada que ver coa imaxe, cultivada con esmero polos conservadores,  da gaiola de grilos que acompaña aos seus detractores no Parlamento galego.

De feito, Feijóo ten conseguido sacar a Xunta da polarización xeneral da vida española. Ese é o seu mérito, e a súa estratexia. Galicia é un oasis e un lenitivo. Ao final, ninguén ten tantos motivos para mobilizarse ou opinar á contra. O PP ten despolitizado o goberno. Todo son asuntos menores, a resolver por un técnico que pase por alí.

Ese é o seu logro: que non haxa na atmosfera nada que incite a pensar que vai a haber ou deba haber un cambio na Xunta. A propia oposición, tanto Tirios como Troianos, que diría Alonso Montero, actúa cun estilo gris, de can en fuga. Non parece querer darlle aos seus votantes motivos para facelo. Un lembra a interpelación de Nanni Moretti a Massimo D´Alema, entón líder dos progresistas italianos: “Massimo, dinos algo de esquerdas !”.

Dá que pensar que os seus opositores se caractericen por unha notable despreocupación á hora de facer os seus propios deberes, sobre todo os recen chegados á escea. Non é nada extraordinario que os acontecementos se aceleren nestes tempos, pero a Galicia en Común, a Anova e a En Marea a convocatoria de eleccións pillounos sen un plan previsto. Practican a nobre arte de marear aos seus electores. Non lles pode estrañar que estes despois cambien de papeleta. Insistía o President Tarradellas en que en política convén sobre todo non facer o ridículo. Por aquí arredor non vexo moitos que intenten, polo menos intenten, seguir esa máxima.

__________________