
A intención estaba clara. Un grupo de cidadáns querían axuntarse arredor do Congreso dos Deputados e facerlles chegar aos seus representantes, de viva voz, o descontento co seu traballo de representación. Poucas accións hai igual de inherentes e lexítimas a un sistema democrático indirecto como o noso ca esta. Se cadra hai métodos indirectos igual de válidos, como enviar correos electrónicos ou cartas, ou outros directos como solicitar xuntanzas para presentar calquera tema concreto, pero ningún destes se amosa eficaz cando o descontento é amplo co aspecto xeral do traballo parlamentario –segundo o CIS o 24% da poboación española considera á clase política e aos partidos un dos principais problemas de España.
Por iso, porque a liberdade de expresión e o dereito de manifestación cobren un abano de accións políticas democráticas irreconducible de calquera outro xeito, o #25S é un movemento cuxa plena lexitimidade e axuste aos principios democráticos está fóra de toda dúbida. Aínda máis, para as 350 persoas que exercen a representación dos máis de 46 millóns de cidadáns da sociedade española o #25S, foi unha oportunidade magnífica de ir sen medo cara aos manifestantes e escoitar as súas queixas e dar as súas explicacións.
Sen embargo, na España contemporánea os representantes do pobo desconfían del e lle foxen con pavor. As vallas e o cinto policial de 1400 axentes uniformados -non contamos aos axentes provocadores infiltrados de incógnito- servíronlles de parapeto. Mentres a sesión transcorría no hemiciclo, fóra crecía a tensión e se sucedían as cargas. Os representantes e os representados intensificaban a barreira de incomunicación que nos levou, precisamente, a esta situación. Mesmo dende a dereita se acudiu á provocación, con acusacións infundadas de vinculación a grupos neonazis, co acoso ás asembleas pacíficas que pretendían organizar a xornada, ou querendo retrasar ou desanimar a chegada de xente.
Unha oportunidade de ouro convertida nunha lousa de chumbo. O de onte foi o resultado dunha barreira de incomprensión da dereita máis rancia que, cómoda na polarización social, e ansiosa por espertar contiñas de fume que tapen a súa incapacidade en tomar medidas contra a crise económica e polo mantemento do benestar social, aproveitan a mínima ocasión para atacar e provocar. Dálles igual o futuro da democracia. Non lles importa a xustiza e os dereitos cidadáns. Pasan por riba do lexítimo e o democrático.
Unha actitude similar á que Cristobal Montoro (PP) lle confesaba a Ana Oramas (CC) en 2010, nas súas ansias de acoso ao goberno, cando lle dixo aquilo de: “que caiga España, que ya la levantaremos nosotros”.
Sen embargo, a democracia é moi máis importante aínda ca calquera bandeira. Pois non existe sociedade que mereza a pena ser defendida se non é radicalmente democrática. Isto implica, entre outros aspectos, representantes que escoiten aos representados, a defensa lexítima da liberdade de expresión e o dereito de manifestación, e unha acción política onde a lexitimidade se retroalimente cunha frecuencia superior aos catro anos e a través dun abano de formas moito máis heteroxéneo có simple feito de votar. Iso era o que o #25S quería expresar. Iso é o que moitos cidadáns de España, e cada vez máis, pensan e pensamos. Unha loita que merece a pena ser dada e na que estaremos, da forma que sexa, ata o final. Pois é unha loita por un país mellor e unha democracia máis forte para todos/as.