Martes 28, Novembro 2023
HomeOpinión200 anos de desigualdade

200 anos de desigualdade

Isabel Lema

Entre a preocupación polas taxas de desemprego, a situación da crise económica e as convocatorias electorais en Andalucía e Asturias, debo recoñecer que a recente conmemoración do bicentenario da Constitución Española de 1812 pilloume por sorpresa. Como tal aniversario merece unhas verbas, aínda que so sexa para facer memoria do que hai douscentos anos aconteceu e de como continuou a historia, gustaríame sinalar que, a pesares das fastosas celebracións e do simbólico valor que tivo aquela primeira Constitución rapidamente derrogada, votei de menos que os nosos representantes fixesen unha mínima mención a aquel cincuenta por certo da cidadanía que a digna Pepa non foi quen de representar.

Á diferenza doutros procesos revolucionarios acontecidos na Europa daquela época e nos que as Cortes de Cádiz se inspiraron, aqueles Constituíntes non foron quen de recoñecer ás mulleres -ese 50%- como cidadás en igualdade de condicións, nin dende logo coma suxeitos de dereitos políticos. Así, as mulleres españolas tiveron que esperar ata a tamén infrutuosa Constitución de 1931, para ter por primeira vez na historia o dereito a votar e o dereito a poder ser elixidas.

Coa perspectiva que o tempo nos da, cabe dicir que douscentos anos despois a presenza das mulleres na vida política segue sen ser a desexada. Acadouse non sen esforzo a igualdade formal, máis non a igualdade real. Exemplo diso é o escaso número de alcaldesas que hai nos gobernos municipais (só un 16,7%), o escaso 36% de deputadas no Parlamento español ou que tampouco houbo nunca unha Presidenta do Goberno Central ou da Xunta de Galicia.

É paradoxo tamén que, a pesares de que os partidos de esquerdas historicamente foron máis sensibles a estas cuestións, impoñendo legalmente cotas paritarias nas listas electorais e na composición dos órganos de Goberno, actualmente só hai tres Presidentas de Comunidades Autónomas, e as tres defenden as siglas do Partido Popular. É máis, cando unha muller optou a liderar o Partido Socialista no seu pasado Congreso Federal, o xuízo de valor que se fixo da candidata tivo máis que ver coa previsible “influenza” que poda ter o seu marido nas decisións da ex-ministra, que na propia valía persoal e política da candidata. Non estou cuestionando se a vitoria do seu opoñente é merecida ou non pero, en todo caso, as mensaxes que se lanzaron – empregando para elo incluso medios de comunicacións afíns- resultaron absolutamente sorprendentes para a madurez política que se lle presupón ao partido da oposición.

A muller no mercado laboral

En todo caso, é evidente que en douscentos anos o papel da muller no panorama socio-político español cambiou substancialmente, especialmente no que significa a incorporación da muller ao eido profesional. Sen embargo, tan importante é o dato cuantitativo como o cualitativo, é dicir, en qué condicións, con qué calidade se incorporaron as mulleres ao mercado laboral. Pois ben, estudos recentes poñen en evidencia que España ostenta o dubidoso mérito de encabezar as taxas de paro feminino da Unión Europea (superando o 23,3%) e figura entre os cinco países da UE-27 coas taxas máis baixas de emprego feminino, (12 puntos por debaixo da dos traballadores vaŕons) só superada por Malta, Italia, Grecia e Romanía.

Un mercado laboral no que, ademais, segue a existir unha forte discriminación por razón de sexo e onde as mulleres sofren unhas precarias condicións laborais -practicamente únicas en Europa- caracterizadas pola segregación laboral, os baixos salarios, unha gran temporalidade, altas taxas de emprego parcial non desexado e as baixas cotizacións á seguridade social. Así, nunha situación de crise global como a actual, as comparativas coa UE seguen a sacarnos as cores e as circunstancias empeorarán e prexudicarán gravemente aos sectores en grave risco de exclusión ou pobreza.

Unha conmemoración -sexa a que sexa- debe servir para facer unha reflexión sobre os avances dados, pero poñendo o ollo nas eivas e nas cuestións pendentes. A pesares do indiscutible avance en dereitos, liberdades e igualdade de oportunidades que acadou a cidadanía española nas últimas décadas, a igualdade real entre homes e mulleres e a conciliación da vida laboral e persoal dos traballadores e traballadoras segue a ser un asunto aínda sen resolver.

E moito me temo que os actuais “recortes” nos servizos públicos, as reformas laborais aprobadas por este Goberno e o anterior e, en xeral, a mal chamada “flexibilización laboral” nin favorecen a conciliación, nin a corresponsabilidade, nin son as liñas idóneas para acadar unhas mellores condicións de vida para homes e mulleres, o que se supón que é o obxectivo último da política.

Así, cando as consecuencias desta crise finalicen, as cifras de paro deixen de ser o único dato importante, e volvamos facer unha comparativa entre a calidade de vida e o benestar de España respecto do resto da UE, asombrarémonos das grandes desigualdades existentes e do tempo que estivemos a perder sen actuar sobre as raíces do problema. Seguiremos envexando aos noreuropeos, máis ser facer nada por achegarnos a eles. E volverannos a sacar as cores.