Todo o que ves será psiquiátrico

| Ollo público

Cando se pronunciaba o topónimo Toén en Ourense quedaba colgando algo perturbador ou insultante, unha sombra, unha ficción. Como pasaba citando Conxo en Santiago. Esa nube no horizonte do nome era un hospital psquiátrico e a mala conciencia de que cando sinalas alguén como tolo cres que ti te reclamas sensato.

É unha sala de Toén. E dicíase así, co nome en directo e todo o mundo entendía. Agora está naturalmente chea de calma como as praias están cheas de area. O enreixado das fiestras non explica de todo se protexía dos de fóra ou evitaba a fuxida dos de dentro e as arañeiras volven explicar que cando desaparezamos nós todo será recuperado.

Non é fácil entender por que un espazo habitable debe estar presidido pola figura dun home cravado a unha cruz. Que clase de mellora proporciona unha demostración tan clara de sufrimento. Do sufrimento de exhibilo. Se apartamos a memoria do lugar, este é o elemento perturbador: no centro dun rebumbio de liñas rectas que proceden do mundo racionalista. Na parte superior dun mundo dividido como as dúas Galicias que non acaban de complementarse. A parte inferior alicatada, previda para as posibles suciedades; a parte superior pintada dun branco pasado que necesitaría doutra man. O soar do corpo, o espazo da alma (ou como se queira definir esa parte que está e non está). Como asomarse a unha das fiestras e non percibir que o resto do mundo algún día será psiquiátrico.