Os retratos sobre nós non coinciden. Parece imposible facer un retrato completo que explique como somos, porque nos falta constancia en ser ou porque somos vermellos para unhas cousas e negros para outras. Os retratos non coinciden coas autobiografías porque somos distintos en público e en privado, e porque os rastros que deixamos son, na maior parte das veces, voluntarios.

Os retratos non coinciden porque temos moitas ganas de ser retratados, e cando o interese é tan grande o resultado do retrato non somos nós, senón ese interese. Os retratos son publicidade, unha imaxe do que queremos vender. Haberá debate sobre o verbo, porque os debates tamén forman parte do retrato; pero, mesmo cambiando o verbo, o asunto final é o mesmo: o retrato conta o que nós queremos que conte.

Os retratos teñen vida propia. Tampouco podemos poñernos esixentes. Aínda que nos poñamos rigorosos, acabarán contando a súa historia. Acabarán contando que, a pesar de tantas cousas imprescindibles na vida, acabamos tendo a idea de que o importante é o que sucede nun deporte. E non deixa de ser necesario que a xente teña os seus subidóns de alegría por calquera cousa. Pero sería bonito ver coches con bandeiras cando se recupera unha praza de médico no ambulatorio, cando se amplían as plantillas de profesorado ou cando se abre unha biblioteca. Non se trata de quitar unha alegría pola outra. Trátase de celebrar as dúas. Por completar o retrato.