Costa entender a asociación de ideas que consigue colocar a Putin como herdeiro daquela revolución que prometía un tractor para traballar a terra que era toda dos homes. Un tractor para cada quen, un tractor que nos liberase da senteza de gañar o pan coa suor da nosa fronte. Costa entender que a nostalxia sexa unha ferramenta política como costa entender que a política se faga desde as tripas en lugar de facela co cerebro. 

Na ferretería política hai óxido e hai quen se deixa arrastrar pola evocación dun pasado e polas promesas que traía con el, a pesar de que en realidade explica sen sombras que esas promesas nin sequera asomaron como esperanza. É curioso como esas imaxes do pasado poden convivir cun presente tan radicalmente diferente, tan  obviamente confuso. Porque esa confusión son as augas revoltas nas que somos peixes. 

É sinistro, pero non esquerdo, como se pode ver nas ruínas do pasado algunha idea útil para o futuro. Pero aí están: adobando a empanada mental con todo tipo de formulacións especulativas para non recoñecer o evidente: non hai bos. Non hai opcións boas. Non hai ningunha loita posible entre bos e malos. Só quedan malos. E esa opción desesperanzadora ou cínica do mal menor. Este é o presente: nin se pode traballar a terra coas ruínas do pasado, nin podemos agardar que a roupa seque unha mañá de néboa mesta.