Despois de pasar media vida observando paxaros, seguía sen entender os seus comportamentos. Dos paxaros. Apegados a quedarse onde lles cae de comer cando poderían estar en calquera outro sitio. Aficionados ao barullo ou a deixarse espantar en lugar de buscar un espazo tranquilo. Con esa manía de ir deixando pegadas, de facerse ver, de chamar a atención en vez de retirarse e disfrutar das condicións dun retiro sen molestias.
Quédanse deambulando como quen non quere habitar outras formas de vida. Entre a escravitude dos costumes e a resignación. Despois de pasar media vida observando paxaros, non entende por que non aproveitan as súas habilidades para encontrar algo mellor, para remontar, para darlle unha volta a todo. Para aproveitar esa posibilidade espectacular de ter unha perspectiva superior das cousas. Pero seguen aí, encadeados ao inmediato, agardando que pase algo, decorando a paisaxe. Tan humanos.