Isto que a impasibilidade do presente chamará peronés, tibias, fémures, botas vellas, foron noutro tempo xente. Persoas vestidas con roupas e ideas, coas conviccións suficientes como para mantelas. Isto que a neutralidade descolocada da contemporaneidade chamará restos foron noutro tempo veciños cos seus atributos de cidadanía, os seus dereitos e unha disposición teimuda a loitar por eles. 

Isto que a distancia notarial denominará restos son José Galán Núñez e Manuel Ramiro Soto. Vivían por Culleredo e en 1952 foron “abatidos” pola Guardia Civil, trece anos despois do fin da guerra. Moita resistencia. Asasinados describe mellor a acción, porque a guerra continúa por outros medios. 

O que queda físico deles foi recuperado pola ARMH* no cemiterio de Almeiras porque nel foron soterrados polos veciños hai agora setenta e dous anos, co permiso do párroco segundo din, nunha caixa de piñeiro feita para os dous sen que se puidese facer pública esa piedade ou esa misericordia, que é difícil distinguir. Distínguense mellor as botas e algo de asombro e recriminación nos debemos cando resiste mellor o curtido que a memoria. A negación que a reparación. Cando deixamos que os dean como vítimas incómodas dunha época criminal en lugar de proclamar o que son: heroes do noso tempo.  

*Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.