Cando foi que baixamos das árbores? E para que? Non temos memoria desa vida. Non temos memoria literal, pero quizais conservemos algo da memoria xenética que nos liga á vida superior. Baixamos das árbores como síntoma de progreso e logo cortámolas como demostración de riqueza. Convertemos a relación coas árbores en relación coa madeira e esta é outra de tantas comenencias da especie humana para ir alén da supervivencia.

Decidimos non volver subir porque non hai elevadores ou porque é incómodo sentarse. Decidimos non subir agás asuntos ficcionais como a aventura de Cosimo revestida de teimosía ilustrada. Tamén Tarzán volveu ás árbores, pero é probable que fose unha versión da construcción en altura que tanto dá que falar en Ourense cando hai bos tempos inmobiliarios.

De cando en vez hai anomalías na vida convencional e queremos ver ao lonxe sen alugar un dron e volvemos as ponlas para ver que di o futuro. Para ver que hai máis adiante. Para cando cremos ter visto suficiente volvemos baixar e quedamos a cegas da nosa verdadeira condición. Baixamos, prendemos o móbil e repasamos instagram para ver como está indo o noso pasado.