Se o capitalismo fose herba seca a imaxe correspondería a unha época coetánea a nós. Cando o asedio quere pechar o círculo sobre o que había, sobre o que hai, sobre o que haberá, sobre o verde, sobre o descanso, sobre as formigas e, sen quitarlle importancia ningunha, sobre un capitalismo anterior.
Nunha cultura anterior a herba seca era un sistema de aforro, de traspaso de rendas entre tempadas. Como un préstamo entre os bos tempos e os de escaseza, polo tanto economía. Nesa cultura pretérita é probable que a herba non se deixase quedar nos espazos públicos por dous motivos: porque os sistemas de almacenamento eran máis caros e porque o seu valor relativo era máis alto que agora e deixala en público era unha invitación a que desaparecese.
Nun sistema anterior ao do valor contante da herba seca, quizais o invasor, ou o elemento raro, sería o banco que agora marca o espazo como público. Hai moitos, moitos anos nesta mesma galaxia había certa confusión sobre os espazos de uso público e, desde logo, o concepto de amoblalos quedaba fóra da interpretación cotián.
Nun tempo tan anterior que xa non hai flash back que o entenda a herba seca eramos nós, ocupando todo sen a idea clara do que facemos entre que nos pousan e non acaba de chegar o tractor para levarnos.





