Marcha a electricidade e imos quedando sos. Sen luz, sen cousas, sen rutinas, sen tarecos, sen estado do benestar. Sen todas esas posibilidades que pasaron de ser comodidades a necesidades. Marcha a electricidade e chega a noite e narciso desaparece do espello porque non hai quen mire para el. A organización detense e hai quen pensa no día libre inesperado e hai quen afía os coitelos porque unha nova desgraza serve para sacar novo partido. Hai bares que abren e hai bares que quedan. Xentes facendo cousas que hai anos que non facían e hai paisaxes que agora que marchou a luz reaparecen como se o outro mundo posible estivese presente detrás das lámparas deste.
Volve o silencio porque desaparecen os tertulianos, desaparece a música que non asubías, e todo ese rebumbio que por veces confundimos con comunicación. Na longa marcha a través da noite quedan as lámpadas dos previsores, os autos fuxitivos e o ceo estrelado. Quedas ti sin saber que facer co conxelador. E queda o mundo deixando pasar a oportunidade de aproveitar o silencio para pensar.





