Non é seguro que Odiseo quixese volver a Ítaca. Non é seguro que fose deses personaxes que prefiren o chacachá do tren á seguridade da estación. O mesmo era como Cristo: quería unha pequena pandilla de colegas cos que meterse en sarillos para poder dicirlles sempre o que tiñan que facer. Podería ser así ou un grego dos que xogaban aos basket nos 90, desconforme con todo, ruidoso e individualista. Odiseo puido ter sido un armador cunha frota de petroleiros que foi casando con viúvas famosas para darse o aire de que o diñeiro está por riba da política.
Non é seguro que Santiago quixese chegar a Galicia. Tan inseguro como que floten as pedras. Podería ter sido un xudeu errante deses que marchaban da casa sete anos e ao regresar inventaban todo tipo de portentos en países que a súa audiencia nunca tería a oportunidade de coñecer. Tamén podía ter sido carteiro dun distrito moi grande ou quizais estaba farto da pandilla de pescadores que lle tocou na que, fose como fose, sempre había que facer o que dicía Xesús.
Cada vez que alguén revolve nas cinzas da cultura, removendo ese pó fino de autoridade, esquecemos que eses personaxes dos que falamos non son como queren os seus biógrafos: son como queremos nós. Por iso Hamlet é adulto, Xesús, loiro e Odiseo, un heroe, e entre os tres teñen que asumir todos os tipos do home contemporáneo. Hai unha dúbida seria de se foron homes existentes e sabemos con toda certeza que non eran contemporáneos. Son máquinas adaptables ás nosas explicacións. Unha desculpa para xustificarnos.





