É posible que a iconografía católica envellecese moi mal repasada desde a estética. A pesar de que os ritos de desaparición e posterior nomeamento dun papa aparezan televisados cun certo aire de modernidade extemporánea, a súa vocación sempre foi a de distanciarse neste mundo. No estético e na escada social. O libro de estilo do catolicismo e a súa posta en escena están feitos para lembrarnos a cada ocasión que eles non viven na mesma dimensión ca nós.
Non deixa de ser curioso que unha gran parte dos reclamos para convencernos de algo en realidade nos deixen fóra. É o método católico: chaman por ti de mil maneiras só para facer vulto aquí e acolá. Non dan argumentos. Dan historias inverosímiles. Piden cartos e fe. A publicidade tampouco é deste mundo. Fala doutro mellor para o que nunca hai billetes suficientes. Piden cartos, dan espellismos.
Logo, descobres que case todo o resto da comunicación, cos seus ritos, ten a mesma intención: lembrar que ti non vives nesa dimensión perfecta do contado, aínda que a xente se esforce por facer ver que todo está impoluto no seu Instagram. A publicidade ou o relato explica que non estás nesa altura, nin lonxe. Que para chegar ata aí hai que crer moito ou gastar moito e non tes ganas nin tarxeta para tanto. É comercialmente descorazonador: para que vas gastar ánimo ou cartos se non vas chegar nunca. Por moi ben que escriba.





