Camiñar cara á luz. Esta é a derradeira esperanza. Que quede algo aceptable en algures. A pesar da proliferación dos carteis coas obras do plan Mega de electrificación rural durante a época do desarrollismo autonómico, e mesmo tendo en conta que os puntos de luz e os colectores protagonizan o léxico práctico das convocatorias electorais, seguen quedando moitas leiras escuras. E de cando en vez pasa un automóbil na noite ocupando a estrada sen vocación de interpretar a O’Neill.
Que o neorrealismo padeza pobreza se debe á renuncia do 95% do mundo a considerar a esperanza como a forma máis falsa de ficción. Tamén se debe a que a importancia da bolsa de valores na economía só pode ser entendida como ficción especulativa. Que o capitalismo é unha ficción dominante quedará demostrado en canto desaparezca o papel moeda. Nese momento comprenderemos polas bravas o significado de camiñar contra a luz. Os extractos bancarios falarán en código e haberá que lelos como quen camiña contra os faros na escuridade.
O capitalismo é ficcional e deslumbra. O anarcocapitalismo é ultraficción terrorífica. Cando falan de anarcocapitalismo en realidade deberían falar de ultracapitalismo ou capitalismo extremo. Libertario non é. Porque a anarquía propón unha desaparición da xerarquía na organización social para conseguir a igualdade entre individuos. O que propón o anarcocapitalismo é desmontar calquera forma de poder para que só quede unha: a do diñeiro. Só diñeiro, moito diñeiro. Todo o poder para a lista Forbes. Aí chega un coche na noite.