-Vente con nós, que hai merenda. Que nos leva o vento. Escóitase a música. Hai boureo.
E así todas as festas. Provocando unha resposta masculinamente seria. Entendida como desprezo aínda que podería ser responsabilidade, concentración ou parálise.
-Pero déixate levar! Pero move as ponlas! Aproveita as cóxegas nos sobacos!
En cada apariencia hai un principio de engano. Quen grita máis non ten máis motivos, quen canta máis non está máis alegre. Sabemos que as interpretacións, como os intereses, son creadas e o principio dunha educación debería ser aprender a recoñecelas. Pero non. Porque o tiovivo leva en marcha moitos anos e a cada volta vai aumentando as confusións. Facendo confundir o movemento con estar vivo.
-Se ti queres vir, ti vente. Que logo apagan as luces. Que pechan os bares. Que tocan o himno para enviarnos a casa.
O cable transmite as últimas ordes. Un morse arrítimico para iniciados. O rei está espido; non celebramos cumpreanos; a corrupción é o aceite do poder; eu son a morsa; .–. ..- – .. -. .–. ..- .-.. … .- . .-.. -… — – -.
-Se ti queres quedar, ti queda.