Quizais pensamos que todo está mal, pero quizais esteamos chegando a esa conclusión polos motivos equivocados. Estamos seguros que, mentres nós tentamos protexer os espazos próximos, hai grandes forzas movéndose na contorna que algún día serán máis ameazadoras que hoxe. Eólicas, eléctricas, financeiras, políticas, a intelixencia artificial ou quizais a intelixencia natural do poder para o control. Todo funcionando cunha harmonía resultante de teren o mesmo obxectivo aínda que non sabemos se previamente coordinada.
O argumento non é que fan eles senón se nós estamos facendo o que é debido. Se mentres o metro cadrado que nos rodea se manteña como esperamos, mentres a tormenta non caia exactamente sobre nós, imos permanecer no mesmo ademán reconcentrado que aparenta distancia e un punto grande de indiferenza que queremos facer pasar por prudencia.
Podemos repousar mentres no arredor todo desaparece porque tamén Ilsa e Rick namoraron mentres o mundo se precipitaba ao desastre contundentemente conducido polas mesmas forzas que agora, pero con outro uniforme. É moi posible a ignorancia, pero non é sensata. Mesmo que esteamos guiados por motivos sentimentais porque tamén sabemos que Rick non deu conservado o bar, nin o pianista, nin a música.





