Os individuos non importan. Importan os colectivos. Sen matices. Porque, como ben se ve, os matices debilitan os argumentos e acabas perdendo a visión panorámica. E tamén os debates. Hai tanto que matizar que a vella escola católica xa advertía que o demo está nos detalles é que o mellor era fuxir deles. A defensa pechada do colectivo xa non a fan nin as organizacións horizontalistas, acabando todas nese calote dos dereitos individuais, resignadas a aceptar que as máis das veces son só dereitos a consumir o que o teu salario permita.
A confusión interesada entre uniformidade e dereitos colectivos proporciona estupendos espectáculos tertulianos porque no persoal case todo o mundo pensa que o que é igual para todos non pode ser bo. O que é para todos só pode ser o mínimo común e, isto tamén o pensa case todo o mundo, cada un de nós merece moito máis ca iso. Nin as pandemias, nin as guerras consiguen aprendernos que os problemas se amañan mellor desde as respostas colectivas. Quizais o entedemos durante 15 minutos e, cando pasa o apuro, volvemos a esa ridícula decisión de mellor sos.
Xa non parecemos capaces de concentrarnos a mirar todos ao mesmo punto. Salvo anuncio ou obriga mal asumida. Como non nos poñemos dacordo en donde mirar o resto é materia imposible. Case tan imposible de entender como por que os xuíces consideran, agora si, que a folga é unha imprescindible ferramenta de presionar á sociedade.





