As teorías poden variar. Amables, disciplinadas, esixentes, mediopensionistas. Poden ser comprensivas ou rigorosas. Poden expresar memoria ou desexo. Pero ler é obrigatorio. Como respirar. Con ese mesmo sentido da supervivencia, da inmediata e da transcendente. Ler é obrigatorio para a especie e, mesmo mal mirado, ler é o único acto que nos distancia para ben dos animais. Non hai que consultar as estatísticas para saber que ler segue sendo o principal acto cultural da especie. Aínda que o que lido non sexa cultura. Con plataformas, con pantallas, con altofalantes ou con braille, ler é a principal ferramenta de comunicación da humanidade.
Por comodidade ou porque a memoria ten un método vago de organización, non está de actualidade explicar o inmenso esforzo das civilizacións por erguer un sistema de codificación que permita comunicación e arquivo. Inventar un código, perfeccionalo para que nada quede fóra do seu campo. Logo, facer o esforzo de universalizalo barrio a barrio como quen ilumina as noites. Todo ese esforzo para ler e escribir que, probablemente, é a obra colectiva máis monumental da especie.
Tan monumental que agora pode darse por asumida. Como se fose natural. Como se fose obvio. Como se estivésemos relevados de continuar. Porque lemos sen querer. Como respiramos. Porque só se nota cando paramos.