Cando a marea cambia de sentido a xente non se retira ao sitio de pensar para ver que pasa. Busca un agocho. Non busca razón para actuar, busca protección. O que está de moda agora é dicir que estamos nun cambio de era, que a rapazada xa non presta a atención debida, que os vellos viven a vida descocada grazas as pensións, que a música deixou de ser estimulante, que non queda sentido do colectivo, e que todo o que está pasando agora xa pasou moito antes de que o peor profeta da historia tentase decretar o fin da historia. Cando cambia o sentido da onda os tertulianos entréganse a un todo mal adobiado as veces con un: eu avisei como para advertirnos que a culpa é nosa e quen falta está liberado.
É curiosa a relación entre o neuronal e o hormonal. É curioso que cando máis necesarias son as decisións pensadas, as respostas que se dan sexan instintivas. De feito, o máis paradoxal de todo sexa que a banda reaccionaria sexa quen parece ter un plan, mentres que o lado progresista reclama no pasado unha solución ao presente que pode ser entidade como nostálxica. A onda cambiou e hai quen nada e quen se aperta.
Quizais o plan ultra sexa facer pensar que non hai plan, porque as cousas que pasan como inexorables son desmobilizadoras. Porque o medo é máis poderoso que a intelixencia e a xente común sempre pensa no que ten que perder no inmediato e non a medio prazo. A onda cambiou e dicir que estamos incómodos é quedar curtos. Pero antes de buscar refuxio nos restos do que vaia quedando sería máis importante saber nadar.





