Bucolismo de roupa tendida

| Ollo público

Repasemos a sensación que transmiten as cousas con aparencia sinxela. A roupa tendida a secar voando lixeiramente ao aire da mañá para provocar a viaxe química entre a tea e o aire. Revisemos a calma e a contorna. Sigamos a liña do cordel e a racionalidade de que as pezas grandes estean nun lado e as pequenas no outro. Podemos interpretar o dominio da roupa clara e o uso de materiais reaproveitados do lugar, podemos aventurar que responden a un criterio práctico ou a unha negativa a aceptar novidades innecesarias e, quizais, custosas.

Contemplemos como a imaxe nos liga a unha infancia quizais estival porque no inverno a roupa non dá secado. A unha infancia que, probablemente, non tivemos. A unha infancia que, posiblemente, nos gustaría ter tido. A unha que só existe na memoria como outra forma de ficción. Pero a roupa está aí, con ese movemento lixeiro do vento de seda que na imaxe non está porque non pode estar.

Repasemos a sensación e agora retiremos dela o bucolismo e as variantes de nostalxia que provoca. Se a retirada operou a favor das neuronas debería aparecer a mesma imaxe con outro significado: alguén rebuscando nos paos para facer un tendal, alguén tirando corda con certa tensión. Unha muller recolectando roupa suxa, separando a roupa branca da escura, metendo na lavadora (imos aceptar que ten) calculando o programa, marchando aos seus labores mentres remata o centrifugado, sacando roupa, volvendo a retorcela para tirar máis auga, buscando as pinzas e colgando con método cada peza. Logo móvese o aire e o conxunto postal entra en calma para o espectador. Pero é outra forma de enganarse.