É unha frase socorrida e resultona. Repetida e resistente como as boas melodías. Pero como toda lírica engana. As variacións da frase malos tempos para a lírica son máis infinitas no poético que no estatístico, pero en todos os casos ofrecen a mesma trampa da melancolía. Cando se asegura que son malos tempos para o xornalismo ou para a danza, a ilustración, para a novela, para os traballos manuais, para o artesanato ou para o cine. Cando se di son malos tempos para… e calquera completa coa actividade que ten máis a man, sucede o paradoxo da comunicación: cambias o verbo de tempo, reconduces a luz do foco, fas escoitar o que non é. Cando dis que son malos tempos para os matices ou para as marabillas das por feito que houbo algún tempo que foi bo.
E non é certo. Nunca houbo bos tempos. Para nada. Queremos entender que no pasado foi mellor porque a memoria non é fiable e para aceptala temos que ter probas, como para condenar. Pero eses anos que agora valoramos foron vividos coa mesma sensación de ir mal e mesmo se aseguraba con toda propiedade que eran malos tempos agardando que o porvir -que palabra- fose mellor. Non houbo bos tempos mentres fomos cambiando a inxenuidade da esperanza pola resignación da saudade e con esa disposición é matematicamente imposible que nunca cheguen. Os bos e malos tempos non se reparten por épocas, séculos, décadas ou temporadas. Repártanse como todo o demais: por clases.
Agora os tempos desfavorecen o detalle, ou a sensibilidade, desfavorecen entender que mesmo as cousas sinxelas precisan de explicacións detalladas. Favorecen, segundo din, o todo ou nada, comigo ou contra min, agora ou nunca. Non hai que deixarse enganar: isto leva así de toda a vida. O mesmo de sempre con ferramentas máis avanzadas. Antes, o resto era silencio. Agora é moito ruído.





