A esquerda ten episodios preocupantes de narcisismo nos que acaba por atribuirse un protagonismo do espazo político que na práctica está operativamente ocupado pola dereita. Por definir unha representación que, a pesar do que dixesen cando o fin da historia, non desapareceu. Segue habendo esquerda e dereita. Segue habendo loita de clases, só que imos perdendo os que consideramos que cando se fala de clases a importante é a clase traballadora.
Durante unha época de contestación para as redes algunha xente manexou frivolamente a idea de ser antisistema. Pero esa idea (e o concepto? Aaamigo…) estaba de verdade sendo posta en práctica pola dereita máis dereitista dos últimos 60 anos, como pouco. O sistema era para mal sen entrar nos matices de que a sanidade pública é un sistema, a educación pública é un sistema, por non falar do sistema público de pensións.
Na utilización ambigua da palabra sistema, mentres alguén apuntaba contra o sustantivo desde o postureo retórico, outros alguén apuntaban contra a organización nun desmonte organizado que nin sequera está sendo moi silencioso. Twitter era a liberdade. Non era tan difícil ver toda esa maquinaria. Só hai que centrar os ollos no lugar correcto.