As advertencias non serven para nada. Como eses carteis de par das vías do tren que din que está prohibido camiñar por elas. A advertencia non está aí para preservar a seguridade do camiñante senón para salvagardar a responsabilidade de quen xestiona as vías. Esta imaxe é outro aviso: mesmo os mellores inventos da civilización acaban nun punto escuro da memoria. Non sei se o concepto natureza morta corresponde ben coa fotografía. Hai vida: hai árbores, hai matogueira e, aínda coa intensidade con que os reprimimos, hai bichos movéndose como se fosen invisibles. Todo o que está morto nesta advertencia de futuro procede de mans humanas.
As advertencias non serven para nada polo mesmo motivo polo que o optimismo pode ser considerado unha forma de hipocrisía: non lles facemos caso. Non lles facemos caso mesmo que están escritas en letras xigantescas. Canto menos caso imos facerlle se son advertencias que hai que deducir. Como saber que en todo vertedoiro hai un adianto do futuro. Como o sarcasmo de chamarlle punto limpo ao lugar no que deixamos o lixo. Como deixar os problemas como se fosen dos demais.