Quen teme a regulación?

| Escáner

Sempre respeto e defendo a liberdade de pensamento. É algo básico nun sistema democrático de convivencia. Porén, non pode estar sometida a argumentarios que son produto dunha intencionada deformación da realidade.

Vén isto a conto tras a atenta lectura do comentario que hoxe publica en La Voz de Galicia o profesor de Dereito Constitucional Roberto L. Blanco Valdés [membro destacado da Fundación que controla a deriva empresarial e editorial do periódico no que escribe e fai de co-editorialista].

En tempos de democracia e de grandes e novos desafíos no multidiverso e accidentado campo da comunicación, se fai imprescindible unha regulación. É precisamente contra a que están os empresarios que queren seguir tendo a tixola polo mango, sen verse compelidos a dar contas de nada e por nada.

Eu non me teño por sectario nin tampouco por cándido á hora de diferenciar entre o accidental ou circunstancial e o prioritario por esencial como o é un dos máis graves problemas que padece a nosa democracia (e que o profesor e vello amigo non ve por ningures): o dun sistema de medios que perdeu o norte ata se converter nun aliado dos poderes para os que o dereito á información (un dereito fundamental como estipulan a Carta de Dereitos Humanos e o artigo 20 da Constitución) quedou subsumido nun simple dereito á liberdade empresarial. Sen máis esixencias, xa que logo, para os medios que a de facer negocio. Comerciando coa información e… coa verdade. Como se os empresarios fosen os propietarios dun ben público chamado información, e polo mesmo tivesen todo o dereito do mundo a facer con ela o que lles pete. E non. A información ten constitucionalmente un único propietario: a cidadanía.

Velaí polo que, en tempos de democracia e de grandes e novos desafíos no multidiverso e accidentado campo da comunicación, se fai imprescindible unha regulación. É precisamente contra a que están os empresarios (e esoutros poderes políticos, corporativos, económicos…) que queren seguir tendo a tixola polo mango, sen verse compelidos a dar contas de nada e por nada.

Efectivamente, o sistema empresarial mediático non é de fiar. E faría ben o profesor Blanco Valdés destripando non a proposta regulamentadora de Sánchez (a súa ‘besta negra’ veña ou non a conto), tan necesaria como insuficiente, senón a todos cantos temen perder o poder que detentan por terse apropiado ilícitamente do dereito que temos os cidadáns a unha información [un ben público, repito, non un ben privado] veraz. Empezando pola casa mediática na que é comendador fundacional e comentarista/editorialista. Unha pregunta: por que será que en ningunha das tres páxinas que La Voz de Galicia dedicou ao debate parlamentario sobre o ‘Plan de Acción para a Democracia’ se aludiu á parte na que Sànchez relatou (quedándose curto e con algunha cousa mal aprendida) o modelo de control cuase absoluto que Feijóo exerceu sobre os medios -públicos e privados- durante os 13 anos que estivo na presidencia da Xunta? Por se alguén non o recorda, convídoo a ler o que daquel longo e deprimente período escribo no meu recente libro “Medios e políticos, baixo sospeita (1990-2023)” (Edicións Laiovento).

Misturar churras con merinas (a regulamentación dun sector, o da comunicación, tomando como base a lei aprobada hai catro meses no Parlamento europeo, por unha banda, e o ruído procesal que PP e VOX instrumentalizan contra a muller de Sánchez, pola outra) é disparatado. Pode aportarlles carnaza aos hooligans contra o ‘sanchismo’, e moi especialmente contra unha regulamentación que ameaza a estabilidade da acorazada mediática que lles dá alento. Pero é intelectual e argumentativamente unha cafrada. A non ser que o comentarista pretenda precisamente desabastecer de razóns o que de verdade importa (porque ten consecuencias na vida diaria e na saúde mental e democrática dos cidadáns).

Aquelo de que ‘a mellor lei de prensa é a que non existe’ (que o profesor e comentarista traduce displicentemente como ‘el mejor plan de acción en materia de libertad de información es que no haya ningún plan de acción’ e en consecuencia que ‘sobran nuevas exigencias sobre la propiedad de los medios’) debe pasar a mellor vida. A autorregulación convertiuse nunha excusa de mal pagador. Non funciona. Os códigos deontolóxicos non saíron do armario. E hai que darlle vida ao que teña como obxectivo asegurar o dereito a unha información veraz, sen que nada quede ao arbitrio directo dos gobernos. A lei europea de medios é, por primeira vez, un bo punto de partida. Pero é agora cada país membro da UE quen ten que asumila e complementala.

Sánchez parece disposto a asumila pero, polo escoitado, non parece que estea por complementala mediante unha proposta de lei que contemple todo o que singulariza como problema o sistema de comunicación/mediático español (e galego). Cómpre que llo esixamos.